A PREVIA | A xornada futbolística vístese de Entroido

A festa deixarase sentir nas bancadas dos principais estadios da Galiza e do Estado
A choiva fará que moita xente, como Iago Aspas, semelle estar disfrazados de Ben Willis, o malo de Sei o que fixestes o último verán. (Foto: RC Celta).
photo_camera A choiva fará que moita xente, como Iago Aspas, semelle estar disfrazados de Ben Willis, o malo de Sei o que fixestes o último verán. (Foto: RC Celta).

Non van de Freddy nin de Jason. Nin do Bo, o Feo e o Malo. Pero os xogadores do Xetafe, o rival do Celta mañá (14 horas) no Coliseo Alfonso Pérez da localidade madrileña, coarían perfectamente por calquera vilán ou tipo duro do cinema nos entroidos do país.

Co sempre polémico Bordalás á fronte, o conxunto azulón venderá cara a súa pel fronte unha escuadra celeste que aínda non anunciou por que disfrace optará. Será a exitosa aposta que luciu a pasada fin de semana, cando volveu do campo do Osasuna cunha sorprendente goleada ao seu favor (0-3)? Ou será o modelo, bastante máis común durante a presente tempada, que non convence, aburre e mesmo indigna a unha parte non pequena da afección?

Todo dependerá de Benítez e os seus homes, que, segundo ditan o sentido común e o apuntado nos adestramentos, poderían ser os que conquistaron Pamplona, formando con Guaita na portería; Manquillo, Tapia, Unai Núñez, Carlos Domínguez e Ristić en defensa; Fran Beltrán, Jailson, De la Torre e Mingueza configurando unha liña de catro no centro do campo; e Larsen como único dianteiro.

Está por ver se Iago Aspas volverá quedar sen disputar nin un só minuto por decisión técnica, como aconteceu ante os rojillos, e se o futbolista con mellor ratio minutos-goles da historia do Celta, Tasos Douvikas, conta con máis oportunidades de seguir vestíndose de lenda en Xetafe.

O Rácing busca vencer o frío co calor dos puntos

E se o Celta non sabe por que disfrace optará este Entroido, no Rácing de Ferrol téñeno moi claro, de home de neve, pois o seu próximo partido será mañá nunha cidade de Burgos na que se espera que a mínima descenda aos dous graos baixo cero.

Un pouco máis elevada, arredor dos catro graos, estará a temperatura no momento en que os Diaños Verdes salten ao terreo de xogo do Plantío, ás 21 horas, onde estarán arroupados por 349 valentes que se desprazarán, maioritariamente, desde Ferrol e Madrid para tratar de impulsar cos seus cantos un Rácing que pretende dar a sorpresa. Si, a sorpresa, pese a que o equipo galego sexa o terceiro na clasificación e o Burgos o duodécimo, pois a formación castelá sería a líder da Segunda División se só contasen os partidos xogados na casa.

Chegou a hora da verdade para o Deportivo

Xa na terceira categoría do fútbol estatal, a Primeira Federación, o Deportivo da Coruña está protagonizando unha historia digna de ser incluída nesa Resurrección del Carnaval escrita polo inesquecíbel Eduardo Galeano, demostrándose como esa "invencíbel festa pagán que sempre volve". 

Acumulando tres vitorias consecutivas, cinco nos últimos seis partidos, os branquiazuis poñen a proba o seu bo momento ás 18 horas contra unha Sociedade Deportiva Logroñés inmersa nunha dinámica completamente oposta, pois é penúltima e non sabe o que é gañar desde o pasado 10 de decembro de 2023.

Algo semellante acontece co Celta Fortuna, que após tocar o teito do liderado a comezos de ano suma catro xornadas sen gañar, mais o seu contrincante de hoxe (16 horas), o fechacancelas Teruel, semella o idóneo para recuperar a triunfal senda que o caracterizou até xaneiro.

Máis igualados semellan o Arenteiro-Cultural Leonesa (hoxe, 19 horas) e o Lugo-Osasuna B (mañá, 19 horas), onde o único seguro é que a festa do Entroido fará acto de presenza nas bancadas de Espiñedo e do Ángel Carro, o mesmo que en Abegondo ás 12 horas de mañá, cando o Dépor trate de reafirmar a costa do Dux o seu liderado na Primeira División Feminina logo de ceder un empate como visitante ante o AEM, que provocou que o filial do Barça fique a un só punto das herculinas.

Comentarios