Xurxo Souto celebra os 20 anos de literatura en Lugo

O músico e escritor emprende este sábado unha viaxe de amizade literaria que o levará tamén por Pontevedra e A Coruña.
O escritor, músico e xornalista Xurxo Souto.(Foto: Sofía de Labañou).
photo_camera O escritor, músico e xornalista Xurxo Souto.(Foto: Sofía de Labañou).

O escritor, músico e xornalista Xurxo Souto está, segundo afirma, de "humilde" celebración para  lembrar os seus 20 anos de relación coa literatura. Por este motivo percorrerá parte do país visitando algúns dos lugares que coñeceu grazas aos libros.

"Non quero falar dos libros, a miña idea é reivindicar ese tecido de amizade que fun coñecendo grazas ao feito de escribir libros", explica en conversa con Nós Diario.

A proposta comezará este sábado por Lugo (Vello Cárcere, 12 horas) da man da asociación Cultura do País e continuará o 9 de marzo en Pontevedra (Libraría Paz, 19.30 horas) e pola Coruña o 10 do mesmo mes (AAVV da Agra do Orzán, 20 horas). 

Rede de amizades e algunha complicidade 

En cada un dos lugares contará coa participación de amizades convidadas, persoas que teñen inquedanzas en común "polos libros e a literatura". No caso de Lugo estará acompañado de Antón Díaz, músico dos Papaqueixos e Ulträqäns, na que se agarda como "unha conversa, con algunha cantarea, para compartir historias de Pangalaica e de O Retorno dos Homes Mariños" e mesmo falar "dese Lugo rabudo que dos 90".

Souto indica tamén que farán "unha crónica do Amaro navegante, feito extraordinario: 111 anos despois, volveu a romaría das galegas e dos galegos en Lisboa". Unha experiencia que, recoñece a este xornal, procede "dos camiños invisíbeis que nos trae a literatura".

E a música que non vai faltar tampouco  ao lembrar a colaboración con Cultura do País e o himno que lles fixo unha das veces que estivo na cidade a muralla.

En Pontevedra pensa reivindicar "coa canción que fixemos na Banda Xangai, que a illa de Tambo foi felizmente cedida á veciñanza". Na Coruña asegura que contará "con moitas complicidades" que, como no resto de lugares, forman parte do seu universo literario.

Comentarios