A Xunta premia o mosteiro de San Pedro de Rocas mentres a Fiscalía investiga as obras no BIC

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi o encargado de recoller o galardón de Patrimonio Cultural dos Premios da Cultura Galega ao mosteiro de San Pedro de Rocas, ao tempo que Fiscalía investiga as dilixencias abertas contra esta Deputación e a Xunta polo proxecto de ampliación do acceso ao Ben de Interese Cultural (BIC).

Alfonso Rueda e José Manuel Baltar nunha reunión da Xunta Directiva do PPdeG en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alfonso Rueda e José Manuel Baltar nunha reunión da Xunta Directiva do PPdeG en Compostela. (Foto: Nós Diario)

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi o encargado de recoller este sábado o galardón de Patrimonio Cultural dos Premios da Cultura Galega ao mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos (comarca de Ourense).

De forma paradoxal, a recollida deste premio coincide coa investigación da Fiscalía, que decidiu no pasado mes de maio abrir dilixencias contra a Xunta da Galiza e a Deputación de Ourense polas obras de ampliación no BIC, após constatar numerosas irregularidades no proxecto.

Despois de recoller o premio, Baltar evitou referirse ás denuncias veciñais e á apertura de dilixencias por parte da Fiscalía, e limitouse a agradecer o premio, "primeiro porque Rocas é de titularidade provincial mais, sobre todo, porque debe ser Patrimonio da humanidade".

Numerosos colectivos ecoloxistas e de protección do patrimonio denunciaron que o proxecto, promovido polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e apoiado polo Goberno galego, está a causar danos na contorna arquitectónica e natural do mosteiro, o máis antigo da Galiza.

A Fiscalía considera que a actuación de ambas institucións podería resultar un delito contra o patrimonio histórico, agravado polo feito de que a Deputación xa comezou as obras, a pesar de que existían no momento do inicio das mesmas causas abertas ao respecto contra ela e contra o seu propio presidente a título individual.

Baltar segue adiante

O proxecto de ampliación do acceso ao mosteiro de San Pedro de Rocas busca que os vehículos de alta capacidade poidan acceder até o milenario cenobio, sobre o que pesan nove figuras de protección. Para conseguir a ampliación do acceso ao mosteiro, tamén se ven afectados terreos arborados da contorna próxima ao BIC. 

Un contencioso administrativo foi interposto por propietarios que están a ver afectados os seus predios e árbores. Tamén foi presentada unha denuncia por un suposto delito de espolio en grao de tentativa, invasión de terreo privado e danos patrimoniais.

A Fiscalía atendeu unha denuncia rexistrada por expertos historiadores advertindo do risco de desaparición de elementos patrimoniais e arqueolóxicos, considerando que os indicios xustificaban a apertura de dilixencias.

Malia existir procesos xudiciais en curso ao respecto, a Deputación comezou a obra, e co apoio da Xunta. A investigación da Fiscalía tampouco parece que vaia conseguir parar o proxecto da Deputación de Ourense, novamente sustentado por un Executivo galego que premiou Baltar coa recollida este sábado do galardón nos Premios da Cultura Galega.

O apoio do Goberno galego ás intervencións de Baltar na contorna inmediata do mosteiro de San Pedro de Rocas certificouse este sábado. Nun contexto de remuda no Executivo galego que deixou ver tensión entre as chamadas baronías do Partido Popular galego, o galardón recollido por Baltar pode ter un valor simbólico no afianzamento das relacións entre o PP de Ourense e a nova dirección do partido na Galiza..

Comentarios