Bernardino Graña, Dígocho eu! e o mosteiro de San Pedro de Rocas entre os galardóns dos Premios da Cultura Galega

Na categoría de Letras, o galardoado foi Bernardino Graña; en Artes Visuais, Antón Pulido; en Artes Escénicas, Nova Galega de Danza; en Música, Natalia Lamas Vázquez; en Audiovisual, Zaza Ceballos; en Lingua, o programa da TVG Dígocho Eu!; en Patrimonio Cultural, o mosteiro de San Pedro de Rocas; e en Proxección Exterior, a Federación de Asociacións Galegas República Arxentina.
Esther Estévez, este sábado na gala do Premios da Cultura Galega. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Esther Estévez, este sábado na gala do Premios da Cultura Galega. (Foto: Nós Diario)

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolleu este sábado a gala dos Premios da Cultura Galega 2021, que recaeron, entre outros, no poeta Bernardino Graña, o Programa da TVG Dígocho Eu!, o mosteiro de San Pedro de Rocas. a produtora Zaza Ceballos, ou o artista Antón Pulido.

Na categoría de Letras, o galardoado foi Bernardino Graña; en Artes Visuais, Antón Pulido; en Artes Escénicas, Nova Galega de Danza; en Música, Natalia Lamas Vázquez; en Audiovisual, Zaza Ceballos; en Lingua, o programa da TVG Dígocho Eu!; en Patrimonio Cultural, o mosteiro de San Pedro de Rocas; e en Proxección Exterior, a Federación de Asociacións Galegas República Arxentina.

No acto, adiado por causa da pandemia, foi recoñecido o compromiso co idioma de Bernardino Graña e Esther Estévez; a promoción, difusión e proxección internacional da cultura da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, de Antón Pulido, de Natalia Lamas e da Nova Galega de Danza; o compromiso coa igualdade de Zaza Ceballos ou o labor na conservación do patrimonio do mosteiro de San Pedro de Rocas.

Bernardino Graña foi catedrático de Lingua e Literatura na educación secundaria en diversos destinos, entre eles Onda, Reus, Guadix, Zaragoza, Padrón, Sarria e Cangas, até a súa xubilación en 1991. Desde moi mozo formou parte do consello de redacción da revista poética Alba. Tamén foi impulsor e o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), entidade da que foi nomeado socio de honra no 1996 e Presidente de Honra en 2021.

Dígocho eu! é un proxecto da CRTVG que traballa o melloramento da competencia en lingua galega. Comezou a súa andaina en xaneiro de 2020. O seu equipo está formado por Carlos F. Amado (coordinador de contidos informativos dixitais) e Esther Estévez (presentadora), utilizando o humor como recurso.

María Ignacia Ceballos González-Llanos, máis coñecida como Zaza Ceballos, nada en Abeancos, Melide, é unha escritora, produtora e directora cinematográfica galega. Zara Ceballos é unha de das pioneiras do sector audiovisual galego.

A Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina é unha das máis importantes organizacións non mutualistas da emigración galega no país austral e impulsora, entre outras iniciativas, da editorial Alborada.

Nova Galega de Danza é una compañía independente que fusiona en vivo danza e música de raíz galega, mesturando tradición e vangarda nos seus espectáculos. Natalia Lamas ten una longa traxectoria como pianista de prestixio internacional.

Antón Pulido é un pintor e gravador galego. Foi nomeado Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia nos primeiros oitenta, nun goberno do Partido Popular, e regresou a cargos de designación política cando se converteu no primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea en 1993, posto que desenvolveu durante un ano.

O mosteiro de San Pedro de Rocas é un convento situado na parroquia de Rocas, no Concello de Esgos (comarca de Ourense), a 657 metros de altitude, no monte Barbeirón. É o mosteiro máis antigo da Galiza, amais de ser un singular exemplo de igrexa rupestre, escavada na rocha viva. Está declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

Baltar recolle o premio e obvia as denuncias

O convento está inmerso nunha profunda polémica polas protestas e denuncias cidadás por unha actuación que, segundo denuncian os colectivos ecoloxistas e veciñais, está a causar un forte impacto no BIC e na súa contorna inmediata.

As denuncias cidadás concluíron na decisión da Fiscalía de abrir dilixencias penais contra a Deputación de Ourense e a Xunta, após constatar numerosas irregularidades no proxecto de ampliación do acceso ao mosteiro de San Pedro de Rocas.

De forma paradoxal, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi o encargado de recoller o premio de Patrimonio Cultural ao mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos.

Após recoller o premio, Baltar evitou referirse ás denuncias veciñais e a apertura de dilixencia por parte da Fiscalía, e limitouse a agradecer o premio, "primeiro porque Rocas é de titularidade provincial mais, sobre todo, porque debe ser Patrimonio da humanidade".

"Por iso estamos a loitar ante a Unesco para a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. E dentro desta xoia natural, San Pedro de Rocas é o conxunto máis visitado", destacou Baltar.

Comentarios