A Santa, tallada en madeira policromada, supón unha das obras máis destacadas do escultor Francisco Asorey, polo “potente e provocador simbolismo co que representou a muller labrega”, destacan desde a organización. A peza volve a Galiza após case 70 anos de ser trasladada a Uruguai, grazas a un acordo coa Casa de Galiza de Montevideo que vén de pechar a Xunta. Será un dos reclamos máis importantes da exposición Galiza, un relato no mundo que se inaugura no Gaiás o vindeiro 14 de novembro e poderá verse até o 12 de abril de 2020.
Supón unha das obras máis destacadas do escultor Francisco Asorey, polo “potente e provocador simbolismo co que representou a muller labrega”, destacan desde a organización
Polémica
A escultura retrata unha labrega co corpo espido, marcado polos duros labores do agro, nunha representación que se afasta a pasos de xigante do estándar da figura feminina idealizada que predominaba na arte de principios do século XX. Porta, ademais, un xugo de vacas, que potencia a mensaxe de traballo e sometemento.
A figura foi presentada en 1926 na Exposición Nacional de Bellas Artes en Madrid. “Dun realismo cru, brutal”; “dunha orixinalidade, atrevemento e beleza que só un artista de excepcionais facultades pode concibir e executar”; “a obra máis orixinal, máis dotada de virtualidade estética e de resistente valía que hai na Exposición Nacional”. Así describía a Santa prensa da época. Porén, non a todos agradaba a atrevida proposta estética do cambadés. Cualificada de “grotesta” por Valle-Inclán, xerou gran debate non só pola maneira de formular o corpo feminino, senón pola súa lectura política como símbolo da situación da Galiza na época.
A Santa xerou gran debate non só pola maneira de formular o corpo feminino, senón pola súa lectura política como símbolo da situación da Galiza na época
Francisco Asorey (1889-1961) estudou co mestre Parellada en Barcelona. Asentouse de novo na Galiza ao gañar a praza de escultor anatómico da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, cidade onde fundou o seu obradoiro, xunto ao convento de San Domingos de Bonaval. Del saíu a Santa, así como outras recoñecidas obras en madeira policromada como Picariña, Naiciña ou O Tesouro. Asorey é autor dalgúns dos monumentos máis representativos esparexidos por Galiza adiante: o Monumento a San Francisco (Santiago de Compostela), o Monumento a Curros Enríquez (Xardín Méndez Núñez da Coruña) etc.
Outras pezas
Manuel Gago é o comisario da exposición Galicia, un relato no mundo, que contará con máis de 300 pezas custodiadas en diversas institucións de todo o mundo, como o Trinity College de Dublín, a Biblioteca Apostólica Vaticana ou a Cambridge University-Parker Library, moitas das cales viaxarán por primeira vez a Galiza. Outras dúas pezas moi vencelladas ao nacemento das comunidades galegas en América conforman a escolma: a bandeira sinxela do Terzo de Galegos de Buenos Aires e a talla do Santiago Matamouros da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galiza, da Habana.
O retrato ecuestre de Pedro Antonio Fernández de Castro, o Libro das Invasións, o Mapa de Sawley, o Codex Aretinus de Arezzo, o Cancioneiro da Vaticana ou dous Liber Sancti Iacobi serán algunhas das pezas que se poderán contemplar na mostra que organiza a Consellaría de Cultura e Turismo coa colaboración do Consello da Cultura Galega e da Secretaría Xeral da Emigración. Será, segundo anuncian, a primeira exposición internacional do Xacobeo 21.