Contracultura

Xosé Luís Pastoriza: "Grazas ás cartas podemos observar o proceso de transmisión xeracional do galeguismo"

Xosé Luís Pastoriza (Vigo, 1977) vén de editar 'A semente caía en terra propicia', o epistolario que Ramiro Illa Couto mantiña co seu irmán, Xaime. Ademais, Pastoriza é un dos autores do libro que segue a vida e obra deste, Xaime Isla Couto. Repensar Galicia, proxectar Galicia, facer Galicia. Ambos volumes poden descargarse de balde na páxina web da Fundación Illa Couto. 
Xosé Luís Pastoriza é membro do departamento de Filosofía e Antropoloxía da Universidade de Santiago. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xosé Luís Pastoriza é membro do departamento de Filosofía e Antropoloxía da Universidade de Santiago. (Foto: Nós Diario)

—Por que publicar o epistolario de Ramiro Isla Couto co seu irmán Xaime?
Era case unha débeda histórica que tiñamos coa súa figura, mais tamén coa historia do galeguismo, porque Xaime nas súas lembranzas sempre recoñecía que esas cartas foran a mellor universidade que tivera na vida. Foron cartas que lle chegaron sobre todo no período arxentino de Ramiro, entre 1927 e 1931, porque nesas cartas el, 19 anos maior, asume a tarefa de nacionalizar a Xaime coa identidade galeguista. Neste caso, ademais, un galeguismo soberanista. Xaime sempre falaba destas cartas con moitísimo agarimo, eu lembro terllas visto cando as amosaba nalgunha conferencia.

Tamén é unha cuestión da transcendencia dos dous irmáns no galeguismo. Por unha parte, Ramiro ten ese labor, por encomenda de Vicente Risco, de ser o propagador do nacionalismo galego en Bos Aires. E Xaime, cando se incorpora ao Partido Galeguista, sobre todo xa nos anos 40 de maneira clandestina, tamén é un grande estratega cando deseña a idea política de resistencia cultural a través da editorial Galaxia. Estas cartas son a conexión entre dous irmáns que teñen un protagonismo moi singular e moi senlleiro dentro do nacionalismo galego.

—O libro arredor de Xaime nace tamén por esta débeda?
Efectivamente. El non só tivo esta presenza política a nivel de partido e entidades, senón que tamén estivo moi implicado na reconstrución do galeguismo durante a clandestinidade que existía no franquismo. Tamén tiñamos esta débeda na súa vertente máis económica, no sentido de que foi o director da revista Economía de Galicia, onde precisamente tamén se formou Xosé Manuel Beiras como discípulo de Xaime.

Ademais, era unha figura cunha espiritualidade moi ligada ao cristianismo e foi precisamente un dos impulsores da relixión na Galiza, así como da liturxia en galego, entendendo que a Igrexa era unha fonte de desgaleguización e que polo tanto cumpría situala no carreiro da promoción da lingua e da cultura galegas. Este libro artella todos estes diferentes aspectos de Xaime, como o intelectual que era, e presenta unha análise colectiva destas facetas, así como da súa obra e o seu pensamento.

Ningún dos dous irmáns é especialmente recoñecido. Ramiro era un operario de a pé, moi achegado á causa, mais con pouca proxección no sentido da escrita. A obra que tiña era publicada baixo pseudónimo ou utilizando só as siglas. El era máis ben o responsábel de editar a revista Terra, o representante de Galeusca en Colombia ou de Galaxia en Venezuela e demais. No caso de Xaime, acontece algo parecido, gran parte da súa obra publicouse de maneira anónima ou 
baixo pseudónimo. 

—Quizais, neste sentido, o epistolario revela moito do efecto que tivo a transmisión destes valores, así como da relación que ambos mantiñan.
É unha xoia. Mancada, porque as cartas que temos son as que envía Ramiro a Xaime, xa que gran parte do epistolario que Ramiro atesouraba foi queimado en agosto do 36 porque fixeran unha redada na casa de seus pais e había que borrar as pegadas da súa implicación activa no galeguismo. O valor que ten é mirar o proceso de transmisión xeracional do galeguismo, xa que un pertence á xeración das Irmandades da Fala e o outro, socializado na Segunda República e no Partido Galeguista. Sobre todo tamén hai unha dimensión de irmandade fraterna así como da lealdade mutua que ambos mantiveron aos principios e aos ideais do galeguismo e do Partido Galeguista.

É fermoso ver as cartas porque están inchadas de afectos e se percibe claramente ese labor de mentoría que asume Ramiro nun momento iniciático para Xaime, que viña de incorporarse ao instituto de Vigo que se acababa de crear.

Comentarios