Contracultura

Xosé Cobas: "A ilustración literaria enganchoume de tal maneira que fun sendo menos pintor"

Xosé Cobas, ilustrador, aborda o proceso creativo que acompañaba aos libros que publicaba con Xabier P. DoCampo, quen o introduciu no mundo da ilustración literaria, así como a busca dunha vida interior rica que se vexa reflectida nas súas creacións.
O ilustrador Xosé Cobas.
photo_camera O ilustrador Xosé Cobas.

—Con máis de 200 libros ilustrados, como chegou a dedicarse a esta profesión?
Sempre digo que son ilustrador por accidente. Eu procedo do mundo da pintura e nunca me propuxen nada similar ao que fago agora. O que pasa é que nun momento determinado, o escritor Xabier P. DoCampo cruzouse pola miña vida. Coñecémonos nos anos 80 nunha exposición, comezamos a falar, veu ao meu estudo, gustoulle o que facía e comezamos a colaborar. Aínda que eu xa ilustraba para a prensa e revistas culturais, o primeiro libro que eu ilustrei foi A nena de auga e o príncipe de lume, cos textos de Xabier. Enganchoume de tal maneira que cada vez fun sendo máis ilustrador e menos pintor, porque o día tiña as mesmas 24 horas.

Ilustrar literatura infantil e xuvenil non é tan doado como pode parecer. Hai que facer unha disección profunda do texto, moitas lecturas analíticas buscando esas partes que quedan entre as fendas ocultas do texto e polas que o ilustrador ten que colarse para non redundar. Precisamente esa complexidade é a que fai que sexa un oficio fascinante. 

—Ademais, tamén participou no deseño conceptual do filme A casa da luz. Que diferenzas viviu no proceso?
Xabier nunca facía un texto pechado porque a medida que eu ía avanzando no traballo de ilustralo, el ía descubrindo algún camiño ou algunha faceta que lle interesaba e non tiña ningún temor a facer un cambio no texto. Da mesma maneira, tamén el interviña moito nas miñas ilustracións. Sempre había un diálogo permanente á hora de traballar nun libro. En A casa da luz tamén ocorreu o mesmo. No meu traballo sempre procuro facer referencias ao mundo da arte, porque desde unha perspectiva pedagóxica incluso é unha especie de plusvalía que se lle engade ao libro. Sen ir máis lonxe, neste último libro que el non chegou a ver, O pintor cego, hai cantidade de referencias que xa tiñamos pactadas desde hai tempo. Estas cousas tampouco se poden aplicar en todos os formatos.

Por exemplo, un álbum ilustrado ten un espazo grande que condiciona a ilustración porque permite tecer un diálogo entre as imaxes. Se é un libro como A casa da luz, que é un formato pequeno, a ilustración é máis independente. Cando este libro se levou ao cinema tamén interviñen e aínda que non se chegaron a pór todas as referencias, si que conseguimos que se tivesen en conta algunhas das máis importantes. Evidentemente a linguaxe do cinema non ten moito que ver cun libro ilustrado, polo que hai que saber adaptar o formato. 

—Esas referencias tamén son unha forma de manter viva a creatividade, non?
Un ilustrador ten que ser lector necesariamente, porque se non tes o hábito da lectura dificilmente podes chegar a buscar esa síntese que ten que haber á hora de ilustrar un libro. É o que axuda a saber espremer o texto. No meu caso non é só a lectura de libros o que enriquece o universo creativo. Eu vou facendo lectura constante de todo o contexto no que vivo: leo moito na natureza, na cidade... Agora mesmo estou traballando nun proxecto que fala moito da relación que existe entre a luz, o tempo e o silencio. Entón o que fago e ir a unha aldea a ver amencer en cada estación, situándome sempre no mesmo punto.

Ao ser unha zona con moi pouca contaminación lumínica, cando empeza a saír o sol comezan tamén a aparecer as formas da montaña, do fondo, e parece case un proceso de debuxo pictórico. Esa experiencia e esa lectura foime fundamental para este traballo que comento e é un exemplo de lectura fóra do contexto do libro. Coas viaxes ocorre o mesmo: eu adoito reservar unha semana das miñas vacacións para perderme por zonas pouco transitadas onde o silencio é o denominador común. Son experiencias que foron acumulando en min unha bagaxe moi rica en imaxes e iso contribuíu moito á miña formación como ilustrador.

Comentarios