Xaquín Marín volve á orixe en Fene
O ano pasado, o xurado dos Premios Rosalía de Castro de Lingua destacaba na acta que lle outorgaba o galardón a Xaquín Marín "o compromiso continuado, o alcance social do seu traballo e o facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en plena ditadura franquista e en medios de comunicación nos que a presenza do galego era residual". É un resumo axustado pero que apenas fai xustiza -sería imposíbel condensala nunhas poucas liñas- a unha traxectoria prolongada no tempo a quen se lle deben algúns dos fitos fundacionais do humor gráfico e da banda deseñada da Galiza.
Hoxe inaugúrase no Museo do Humor de Fene unha exposición retrospectiva sobre o artista -Volta á orixe- que tentará dar conta do seu labor como pintor, ilustrador e humorista gráfico e, tamén, como defensor da identidade e da lingua.
Pioneiro da banda deseñada
Xaquín Marín naceu en Ferrol en 1943 pero axiña se trasladou xunto coa familia ao sitio exacto onde hoxe se levanta a Casa da
Cultura de Fene. Alí, en 1984, fundou o Museo do Humor –o primeiro da península ibérica e un dos poucos no mundo no seu xénero– que agora lle dedica esta retrospectiva e que dirixiu até 2008.
A mirada cáustica e, por veces case filosófica, das viñetas de Marín convertérono nunha das figuras máis relevantes do humor gráfico do país -o máis relevante desde Castelao, a xuízo de moitos estudosos-, cun estilo, ademais, fortemente enraizado na tradición plástica galega.
A súa vocación primeira foi a de pintor, mais o encontro con Reimundo Patiño fixo que se interesase no cómic. Figuraría a partir daquela como pioneiro da banda deseñada do país despois de 1936, ao publicar a primeira historieta na prensa ("O emigrante", publicada na revista Chan en 1971) e ser coautor -xunto con Patiño- do primeiro álbum de cómic en galego, o célebre 2 viaxes, publicado inicialmente en 1975 e reeditado recentemente pola editorial Elvira.
A particular perspectiva coa que ve o mundo permitiulle contar a través do debuxo, as mudanzas experimentadas pola sociedade galega ao longo de case seis décadas. Detrás da súa obra existe sempre unha mirada fondamente compasiva que denuncia a deshumanización da sociedade contemporánea e os males que ameazan á Galiza en particular: o caciquismo, a emigración, a desaparición da lingua, o desarraigo cultural, a destrución do medio natural, o machismo ou a renuncia á identidade propia son temas habituais das súas viñetas, sempre cunha ironía que cuestiona a falsa modernidade e unha idea espúrea de progreso.
A obra de Marín publicouse en numerosas publicacións galegas como Chan, Teima, A Nosa Terra, El Ideal Gallego e La Voz de Galicia (onde debuxa una viñeta diaria desde 1988); noutras do resto do Estado como Hermano Lobo, La Codorniz, Interviú, Posible, Diario 16, Pueblo o SP; ou noutras como as francesas Le Telegramme (Morlais) e Ouest-France (Rennes), a portuguesa Trevim (Lousã) ou a mexicana Norte (Monterrey). Unha parte desta abondosa obra está recollida en escolmas como Alcacén para gaitas (Ediciós do Castro, 1980), Feito a man (Xunta de Galiza, 1997), Trinta e tantos con Xaquín Marín (Edición de autor, 2001) ou O humor desde Ferrol: Siro e Xaquín Marín (FerrolAnálisis, 2009).
Marín ten recibido, entre outros, o Premio Galicia de Xornalismo (1984 e 1989), o Premio Galicia de Comunicación (1996 e 1997) ou o Premio da Crítica de Galicia en Artes Plásticas (2015).
Actividades arredor da obra
A antolóxica do Museo do Humor, que poderá visitarse até o 29 de xuño, mostrará unha ampla selección da súa obra -unhas 150 pezas-, desde as primeiras pinturas ao cómic, pasando polas viñetas publicadas en prensa ou as súas ilustracións. Pero ademais, contará con outras exposicións paralelas: unha bibliográfica na Biblioteca Municipal Xosé María Pérez Parallé e outra de reproducións de viñetas do seu popular personaxe Isolino no Paseo Marítimo de San Valentín.
O 12 de maio, para completar o evento, o autor manterá un encontro aberto co investigador Félix Caballero, e o 27 do mesmo mes, desenvolverá unha conversa co pintor Antón Patiño e co deseñador Pepe Barro.
Un estilo inconfundíbel alicerzado na mellor tradición plástica galega
Os estudosos detectan na obra de Marín as características que Luís Seoane e Reimundo Patiño consideraban recorrentes na tradición plástica galego: hieratismo, aparencia pétrea, tratamento esquemático das figuras, formas redondeadas, volumes simétricos... Ademais, o detalle dos primeiros planos, a coidada composición da viñeta, o coidado dos fondos e a orixinalidade dos bocadillos son tamén características que o dotan dunha personalidade inconfundíbel.