Unha vintena de series de até 12 países compoñen a Sección Oficial do Carballo Interplay

Poderanse ver no festival do 24 ao 27 de abril no Mercado de Carballo.
Escena de 'Bouchon', unha traxicomedia francesa presente na sección oficial do Carballo Interplay. (Foto: Ervin Le Goaziou)
Escena de 'Bouchon', unha traxicomedia francesa presente na sección oficial do Carballo Interplay. (Foto: Ervin Le Goaziou)

A Sección Oficial de series a competición do Carballo Interplay atrae talento de todo o mundo. Para a XII edición do festival de contidos dixitais, que terá lugar do 24 ao 27 de abril no Mercado de Carballo, foron seleccionadas 20 propostas de até 12 países, "destacando a gran variedade de xénero, estilos e temáticas".

O festival completa así a súa programación e publica o cartel oficial, con nomes como Facu Díaz, Miguel Maldonado ou Ana Polo na parte dos shows, e paneis de debate e reflexión sobre as tendencias na rede. 

Canada será o país máis representado no certame galego, con cinco series feitas por creadores e creadoras dese país. A Galiza achegará ao concurso tres propostas, á que se suma unha cuarta procedente do Estado español. Así falamos, así sentimos, unha comedia sobre Nabiza Girl, unha superheroína amante da lingua que amosa que a forma de falar dun pobo é o reflexo da personalidade dos seus habitantes, dirixida por Virginia Curiá e Tomás Conde; E logo, quen foi?, unha microserie de ficción de xénero policial dirixida por Teresa Barbena, e A moza que abortou e o contou, gañadora de Mellor Proxecto en 2023, un falso documental de Eire Cid e Rosalía Quiroga, que volven ao Carballo Interplay, son as tres propostas galegas. Ademais, tamén chegarán a Carballo proxectos dos Estados Unidos, Irán, Reino Unido, Chile, Portugal, Alemaña, Puerto Rico, Australia, Francia e Austria

As proxecións dividiranse en bloques para poder gozar delas ao longo do festival. O Xurado Oficial do certame determinará as gañadoras, que se anunciarán no Mercado de Carballo o domingo 27 ás 12.30 horas, nunha pequena gala presentada por Belén Puime e Miguel Canalejo.

O Xurado Oficial está composto por Bob Pop, crítico televisivo, director de televisión e teatro e guionista; Albanta San Román, actriz, escritora e creadora de contido e Jorge Boquete, director galego que asina proxectos como Peter Brandon, El método sueco ou a recente A arte de ser (mal) pai. Entregará o premio á Mellor Serie –de 800 euros e trofeo– e á Mellor Dirección –con 200 euros e trofeo–.

O Xurado Novo, que entregará un premio de 400 euros e trofeo, está formado pola xornalista Celia Eiras, a directora Lara Caeiro e a cineasta Antía Rodeiro.

Unha ollada cómica á realidade galega 

O Carballo Interplay acollerá a estrea de Delirio Sketchs, da directora viguesa Bea Saiáns, a serie gañadora do premio a mellor proxecto de serie na pasada edición do festival. Presentaranse os tres primeiros capítulos coa presenza da súa directora, elenco e equipo da serie. Esta estrea será a quinta feira 24 ás 20 horas.

Os Delirio Sketchs son capítulos cun aire camp e trash de entre dez e quince minutos de duración, cargados de intensidade e humor febril, nos que se abordan desde o surrealismo e o delirio máis intelectualizado diferentes problemáticas que afectan a nosa sociedade. Diferentes xanelas de conflicto representadas por irreverentes sketchs cunha mistura de coreografías, cancións, reportaxes e momentos estelares de “famoseo underground galego” os sketchs funcionan como parte dun todo e son diferentes espellos do caleidoscopio que é a nosa realidade.

Ademáis, o festival de contidos dixitais Carballo Interplay acollerá a preestrea en Galicia da serie musical Mariliendre, do director lucense Javier Ferreiro. A proxección será a sexta 25 de abril ás 20 horas no Mercado de Carballo, con entrada de balde. Contará coa presencia do seu director e da actriz protagonista, Blanca Martínez.

Comentarios