Viki Rivadulla: "Non quería transmitir esa imaxe da Rosalía soidosa, senón esa muller desafiante e forte"

A cultura do mar e a presenza de figuras femininas son unha constante na obra de Viki Rivadulla. A mostra Atlánticas. Mulleres do Nordés, exposta no claustro alto do Pazo de Fonseca, reflexa á perfección estas dúas cuestións. Seguindo a súa liña artística, Viki tamén deseñou a capa do Sermos Galiza desta fin de semana, un especial sobre Rosalía de Castro
Viki Rivadulla
photo_camera 'A voz libre' ou 'A cantiga de Buserán' son outras coleccións da artista muxiá. (Foto: Nós Diario)

Como foi o proceso de creación do cadro da poeta?

Foi todo moi rápido. Desde un primeiro momento, tiven claro que quería facer algo semellante ás miñas "atlánticas" de Fonseca. Elas levan todas aparellos nas mans, como se fosen guerreiras ou loitadoras e cavilei no que podía levar Rosalía. Ocorréuseme a imaxe do toxo, como símbolo do país e como algo fermoso, pero tamén forte e bravo. Logo, tamén incluín a balea. Eu case sempre introduzo elementos mariños na miña obra e a balea aparece como metáfora da forza, da liberdade e da nobreza dos animais. Gustábame a súa imaxe, asentada na gorxa e representando o berro de Rosalía, a súa voz berrando pola liberdade.

Tamén tiña que facer unha chiscadela ao feminismo, de aí o pendente que co seu símbolo. Aparece unha estrela na súa fronte, como se fose unha especie de elixida... Tiven claro á hora de facelo que non quería transmitir esa imaxe da Rosalía soidosa e triste que se quere mostrar moitas veces, senón esa muller resolta, desafiante e forte. Absolutamente revolucionaria e xenerosa.

Tamén emprega unhas cores moi vivas e intensas.

As cores son as de sempre. Son unha constante na miña obra esas cores fortes, sempre as emprego porque son as que a min me gustan e danlle forza á imaxe. Imaxino que ten que ver co meu carácter, apaixonado. Gústame vivir todo intensamente e coas cores ocorre o mesmo. Ten moito que ver tamén co mundo no que vivo, que é o mar. É un mundo cheo de cor. Os portos, as embarcacións e demais teñen esas cores, entón están presentes na miña obra todas esas cores que rodean a miña vida.

Cales son as orixes da mostra Atlánticas. Mulleres do Nordés?

Neste caso, nacen por unha preocupación que teño polo mundo do mar. Por unha banda, para poder contar o lugar onde vivo, como é a vida no mar e como é a nosa costa. Logo, falar tamén das mulleres e darlle visibilidade ás mulleres do mar. Tradicionalmente, sempre estiveron invisibilizadas, a figura do central no mundo do mar é o home e interésame sacar á luz todos eses oficios don mar e ás mulleres que están nutrindo e aguantando todo ese universo.

Ademais, tamén está esa preocupación que teño por como está o mundo do mar agora mesmo, xa que semella que se está substituíndo o seu modelo de vida. Practicamente todo o mundo vivía do mar e, agora, iso vai cada vez a menos. Estase a suplir por un modelo turístico. Non teño nada contra do turismo, pero é un eido que ten pouco que ver coa nosa identidade, que está de costas ao mar. Antes víase á xente na lonxa, descargando barcos... Iso cada vez está menos presente, o mundo do mar vai esmorecendo e os oficios van desaparecendo. O problema xa non é so ese, senón que tamén perdemos a identidade, porque realmente somos xente de mar e iso ten que ver coa nosa forma de ser, de estar no mundo, de pensar, etc. Se deixamos o mundo do mar, vaise algo moi importante non so para a costa, senón para toda Galiza, que é un lugar que mira ao mar.

Na exposición, resultan rechamantes unha serie de cadros co fondo vermello.

Cando preparei a mostra, fun pintando en parellas ou tríos de cadros, teñen que ver uns cos outros. Hai unha parte que ten ese fondo vermello, que para min está estreitamente relacionada co lugar onde vivo, a parte máis muxiá. Aí está a Punta da Barca ou os secadoiros de congro, que son un sinal de identidade do que é a cultura do mar e da súa resistencia. Son os únicos que quedan en toda a costa galega. Eses cadros de fondo vermello son moi muxiáns. Non sei porque elixín esa cor, quizais porque é unha cuestión que ten máis forza para min e que me chega máis dentro. Ás veces, esa escolma da cor é inconsciente, sáeche así.

Comentarios