Os guións de Fernández del Riego para o 'Galician Programme' da BBC poden consultarse online

As emisións na canle británica abrangueron do ano 1947 a 1956.
Antonio Raúl de Toro,
photo_camera Antonio Raúl de Toro,

O 14 de abril de 1947, a radiodifusión en lingua galega inauguraba un momento histórico desde Londres. A BBC iniciaba aquela noite o Galician Programme, un espazo aberto á difusión da cultura e da lingua galega en pleno franquismo que se converteu na primeira programación estábel na nosa lingua. 

A sección española da BBC concibira a idea de producir programas que reflectisen a realidade pluricultural nas emisións para o Estado español e para facelos realidade confiou no ourensán Alejandro Raimúndez, que se incorporara á radio británica pouco despois de se exiliar en Londres.

Para os programas en galego, Raimúndez contaría coa colaboración fundamental, desde a Galiza, de Francisco Fernández del Riego. “El era quen canalizaba todo desde aquí, encargábase de solicitar a todas as figuras senlleiras do país a súa colaboración, e mesmo mecanografaba os textos”, apunta Antonio Raúl de Toro, autor de Galicia desde Londres. O volume recolle os guións daqueles espazos emitidos até 1956, aos que tivo acceso a través do propio Del Riego. 

 

Con motivo do Día das Letras Galegas que lle dedica este ano a don Paco, a Real Academia Galega comparte agora en copia dixital os textos dos programas que contaron con contribucións asinadas polo propio del Riego. Antonio Raúl de Toro contactou coa BBC á procura das gravacións pero a corporación respondeulle que as destruíra para evitar ter que pagarlles dereitos aos traballadores que participaran neles, de acordo coa normativa vixente no momento da súa produción. Os guións son, xa que logo, o único material documental do que se dispón. 

“Os temas eran moi variados, algo elitistas pero moi ilustrativos. Abranguían desde etnografía, historia, arte e literatura até temas relacionados coa agricultura, a xeografía ou a música. Dadas as circunstancias políticas, todos eran de carácter cultural”, explica Antonio de Toro. 

No Galician Programme escoitáronse achegas escritas por figuras senlleiras como, entre outros, Otero Pedraio, Ricardo Carbalho Calero, Pura Vázquez, Rafael Dieste, Florentino López Cuevillas, Xosé María Álvarez Blázquez, Celso E. Ferreiro, Ánxel Fole, Manuel María ou, moi notabelmente, Plácido Castro

Pero foi o propio Francisco Fernández del Riego quen máis escribiu: unha ducia nos que abordou desde o celtismo na poesía de Eduardo Pondal, ás figuras de Castelao e Manuel Antonio ou a relación de Lorca coa Galiza e o galego até as contribucións de Aubrey Fitz Gerald Bell como tradutor da literatura galega ao inglés. 

 

Comentarios