O Consello da Cultura Galega analiza hoxe o programa realizado por galeguistas

75 anos das emisións en galego do 'Galician Programme' na londiniense BBC

O Consello da Cultura galega organiza hoxe, no Pazo de Raxoi,unha xornada para analizar os programas en galego que a londiniense BBC emitiu desde 1947 até 1956. O CCG quere, ao mesmo tempo, homenaxear aos seus artífices. A cita é presencial pero pode seguirse en directo a través da web da institución.
Plácido Castro, un dos principais artífices do programa da BBC, con Cunqueiro, quen colaborou nel.
photo_camera Plácido Castro, un dos principais artífices do programa da BBC, con Cunqueiro, quen colaborou nel.

O 14 de abril de 1947, a voz de Felipe Fernández Armesto inauguraba o primeiro dos programas en galego que, baixo o nome de Galician Programme, emitiría a BBC londiniense até xaneiro de 1956. O programa, de entre 10 e 15 minutos de duración, facía parte do Spanish Programme da emisora pública británica, e nel participarían  escritores e intelectuais galegos do exilio e do interior. 

Mentres na Galiza o galeguismo trataba de facer o que podía para manter viva a cultura e a idea de autonomía no seo da ditadura franquista, en Londres o Ministerio de Asuntos Exteriores inglés, o Foreign Office -de quen dependían as emisións radiofónicas ao exterior da BBC, por ser consideradas estratéxicas para os intereses británicos no mundo- daba luz verde ao proxecto presentado por Josep Manyé e apoiado polo xornalista exiliado ourensán Alexandro Raimúndez, ambos xa redactores e locutores da emisora desde 1941, de emitir programas en catalán, galego e vasco. 

Os micrófonos do Galician Programme permitiron oír desde calquera aldea da Galiza colaboracións das figuras máis importantes da cultura galega. Iso si, as emisión debían de circunscribirse ao ámbito estritamente cultural, sen incluír contido político.

Afonso Vázquez-Monxardín, que estudou en profundidade a historia do programa, sostén que "a fin de contas, a BBC non era Radio Moscova. Podería serlle máis ou menos simpática ao réxime de Franco, pero os seus correspondentes actuaban en plena conexión cos encargados da Embaixada en Madrid, o que unido ao seu carácter estritamente cultural, non lle provocaba especiais molestias á ditadura". 

En todo caso, o inicio dos programas da BBC coincide co inicio das publicacións en lingua galega (Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño, editouse naquel mesmo 1947) e aquelas emisións permitían que aqueles esforzos dos galeguistas chegasen a máis xente. A canta, é un enigma: "antes do golpe de Estado había menos de un aparello de radio por cada mil habitantes na Galiza. Mais hai testemuños da época que permiten supor que os programas da BBC eran moi coñecidos pola poboación", indica Vázquez-Monxardín. En 1953, por exemplo, a poeta Nina Epton, visita o mercado do Grove para gravar o son ambiente, e observa como unha peixeira que a acompaña vai voceando que falasen con naturalidade que ían gravar o son para a BBC, mostra de que todos coñecían a emisora".

Continuidade con Nós 

En sesenta e catro dos oitenta e tres programas emitidos, aparecen traballos de persoas -moitas delas perseguidas e reprimidas polo franquismo- que xa colaboraran coa revista Nós, o que se pode entender como un fío de continuidade co labor do nacionalismo anterior ao réxime franquista. Leandro Carré Alvarellos, Florentino Cuevillas, Otero Pedraio ou Ramón Vilar Ponte contan entre os máis vellos, aos que se sumaban membros de xeracións posteriores como Fermín Bouza Brei, Carvalho Calero, Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Rafael Dieste, Pura Vázquez -unha excepción na grella fudamentalmente masculina do programa- ou Ramón Piñeiro. 

"Ao comezo, Alexandro Raimúndez tivo que organizar os programas cos recursos propios da emisora en Londres: discos da Coral de Ruada, xornalistas amigos como Fernández Armesto... Mais en outubro de 1947 viaxa á Galiza e organiza un plan de apoio ás emisións con Leuter González Salgado desde Ourense e Fernández del Riego desde Vigo", relata Vázquez-Monxardín. Xosé Ramón Fernández-Oxea 'Ben Cho Sey', foi outro dos grandes apoios de Raimúndez. 

O profesor Antonio Raúl de Toro, que publicou, en 1994, os guións de todos os programas baixo o título Galicia desde Londres. Galicia, Gran Bretaña e Irlanda nos programas galegos da BBC (1947–1956), identificou 111 colaboracións diferentes durante os anos en que se emitiu o programa. 

En 1949 incorpórase á BBC Plácido Castro -fundador do Partido Galeguista, onde desenvolve a Secretaría de relacións internacionais e participa na súa representación nas actividades da Sociedade das Nacións en 1933- quen se converterá no principal colaborador de Raimúndez até 1954, en que volve á Galiza. Castro será quen máis e mellores colaboracións achegue aos programas, comezando cunha primeira na que presenta unha tradución ao galego de poemas de Chistina Rossetti, poeta romántica que asimila a Rosalía. 

A fin das emisións 

O último dos programa emitiuse o 23 de xaneiro de 1956, e incluía os únicos fragmentos gravados que sobreviven: autores como Álvaro Cunqueiro ou Fermín Bouza Brei recitando os seus poemas. 

 "O centro do interese internacional desprazárase cara a Oriente, á guerra do Vietnam e á de Corea", explica Vázquez-Monxardín, "e, dalgún modo, as potencias occidentais comezaban a facer un lavado de cara da ditadura franquista". 

As relacións entre o Foreign Office e a BBC nunca foran fáciles. Os responsábeis do programa na emisora eran partidarios de que continuase, mais a política ditaba a chegada dun novo paradigma no que unha Galiza con idioma e identidade propios xa non tiña cabida.

Xornada de debate sobre a efeméride

A xornada do Consello da Cultura que analiza as emisións da BBC artéllase arredor de catro mesas que tratarán temas como “Radiodifusión exterior, franquismo e Guerra Fría”, moderada por Xulio Ríos, e coa presenza da profesora e directora de cine Margarita Ledo Andión e de Luis Zaragoza Fernández, xornalista e historiador. María Xosé Porteiro modera a mesa que analiza o papel da BBC e as súas emisións exteriores. Pola tarde, Tino Santiago moderará a terceira mesa, que  afonda nas emisións en catalán e éuscaro na BBC. Finalmente, un diálogo entre Afonso Vazquez-Monxardín  e Antonio Raúl de Toro, moderado pola directora de Nós Diario, María Obelleiro porá o ramo ao programa da xornada.

Comentarios