A Universidade de Vigo lembra a Revolución dos Caraveis portuguesa

Organizada pola Cátedra Internacional José Saramago, a mostra comprende dúas partes: 50 poemas de abril e 50 livros de abril
Unha vista da exposición da Facultade de Filoloxía e Tradución.
photo_camera Unha vista da exposición da Facultade de Filoloxía e Tradución.

A Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo acolle desde esta semana unha exposición  que conmemora a Revolución dos Caraveis. A mostra 2024 / 50 anos de abril buscar dar unha idea do que foi a acción conxunta do Movemento das Forzas Armadas (MFA) e o pobo portugués, de mulleres e homes anónimos, de escritores e escritoras, na Revolución dos Caraveis, da que se cumpre o 50 aniversario o vindeiro 25 de abril, e que supuxo o fin de ditadura de Salazar. Organizada pola Cátedra Internacional José Saramago, a mostra comprende dúas partes: 50 poemas de abril e 50 livros de abril, e poden visitarse no pavillón central da facultade até o vindeiro 29 deste mes.

50 poemas de abril - Poesía para levar está inspirada nun dos cartaces que encheron as rúas dun país que trataba de deixar atrás décadas grises. A pintora Maria Helena Vieira da Silva é a autora desta obra, que realizou a proposta da poeta Sophia de Mello Breyner, que inspirou tamén o título do cartaz: A poesía está na rúa.

As e os visitantes poderán percorrer ese tempo no que o poder estivo nas mans da xente, a través de poemas e tamén de letras de cancións, da música da revolución. Mediante códigos QR pódese acceder ás versións orixinais dalgunhas destas cancións.

A segunda parte da mostra exposición, 50 Livros de abril, reúne unha selección de cincuenta volumes de historia, fotobiografías, teatro, poesía e exemplos de publicacións censuradas durante a ditadura.

Como destacan os organizadores, os profesores Xosé Bieito Arias, Burghard Baltrusch, André Bernardo e Carlos Nogueira, “esta exposición é unha homenaxe a aqueles e aquelas que levaron a cabo e viviron a Revolución do 25 de abril, que devolveu á sociedade portuguesa a liberdade nos espazos públicos e privados, a liberdade de expresión en palabras, xestos, voz e arte. Pero tampouco esquece ás novas xeración que seguen, con memoria activa, (re)pensando a liberdade cada día”, animando así a “continuarmos Abril”.

Comentarios