Os María Casares celebrarán o seu 25 aniversario cunha gala presencial contra as distopías

Será, ademais, unha cerimonia para reivindicar o humor e o xogo fronte á incerteza e a distancia que impuxo a pandemia. Un encontro para reivindicar a resistencia das artes escénicas.
Xosé Barato durante a presentación da gala dos XXV Premios de Teatro María Casares (Foto: AAAG).
photo_camera Xosé Barato durante a presentación da gala dos XXV Premios de Teatro María Casares (Foto: AAAG).

Os Premios de Teatro María Casares celebrarán esta quinta feira, no Teatro Rosalía da Coruña, o seu 25° aniversario cunha gala contra as distopías que reivindicará o papel das artes escénicas.

Así o explicou Paula Carballeira, que, xunto a Chiqui Pereira, dirixirá unha cerimonia interxeracional que reivindicará "o sentido do humor, o xogo e a celebración". A codirectora destacou a importancia da "presencialidad" fronte ao "claustrofóbico" que resulta a "virtualidade, a intelixencia artificial ou as pantallas".

A entrega dos galardóns será presencial, despois da gala virutual do ano pasado. Terá lugar no Teatro Rosalía da Coruña, cunha capacidade reducida para menos de 340 invitados. Porén, poderase seguir en directo a partir das 20 horas pola canle de Youtube dos premios.

Incerteza

O presidente da Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG), Xosé Barato, sinalou que "a pandemia foi un tsunami para este sector e a incerteza foi moi grande", aínda que "se salvou" grazas ao traballo de moita xente, unha dedicación que animou a manter nos próximos anos.

Doutra banda, os representantes institucionais presentes na rolda de prensa de presentación da cerimonia -o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín; o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil- mostraron o seu recoñecemento ao mundo das artes escénicas polo seu labor durante a pandemia e trasladaron o seu compromiso para dar apoio á recuperación do sector do teatro.

Finalistas

En total, serán 13 os espectáculos que competirán como finalistas por algún dos 14 galardóns que se entregarán durante a gala. A obra que opta a máis premios é 'A lingua das bolboretas', de Sarabela Teatro, cun total de oito candidaturas.

Destacan, ademais, 'Dreaming Juliet', de Elefante Elegante; '32m2', de ButacaZero, e 'Bailar Agora', de Marta Alonso, que optan a cinco premios. Aspiran a catro galardóns 'Micropectivas dun marica millennial', de Incendiaria; 'Os nenos da varíola', de Pérez&Fernández e 'O Premio', da Quintana Teatro. Pola súa banda, 'O mozo da última fila', de Redrum Teatro, competirá por tres galardoes.

Por último, as obras que optan a un María Casares son 'Poeta en Nova York', de Teatro Baixo da Area; 'A Conquista da escola de Madhubai', de Teatro do Atlántico; 'O libro da selva', de Teatro Avento Producións; 'Lázaro de Tormes', de Pedras de Cartón e 'Ris Ras', de Baobab Teatro.

Comentarios