Tradición ancestral ou invención relativamente recente? A historia do conxuro da queimada

Normalmente, á queimada atribúenselle orixes celtas. Algo que é imposíbel, segundo afirmou en 1972 o catedrático de prehistoria da Universidade de Santiago, Carlos Alonso del Real.
Un home prepara a queimada en Cervo, na Mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Un home prepara a queimada en Cervo, na Mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Normalmente, á queimada atribúenselle orixes celtas. Algo que é imposíbel, segundo afirmou en 1972 o catedrático de prehistoria da Universidade de Santiago, Carlos Alonso del Real.

Esta aseveración débese a que a destilación do augardente na Galiza non pode ser anterior á introdución do alambique (de orixe árabe) a partir do século XII ou XIII, xa na Idade media.

Máis tarde, o antropólogo Xosé Manuel González Reboredo, afirmou que o consumo de augardente (normalmente sen queimar) era habitual na Galiza rural tradicional, onde tiña fama como medicamento contra o catarro.

Non foi até moito máis tarde -nun momento que González Reboredo sitúa ao redor dos anos cincuenta do século XX- que os galegos residentes no exterior comezaron a tomar esta bebida nas festas ou despois das comidas.

Posteriormente, aparecería o costume de tomar a augardente queimada, o que faría chegar o ritual de acompañar o consumo de conxuros compostos para facer ese momento máis especial.

Esta práctica espallouse de forma rápida, de maneira que no ano 1955 o oleiro mindoniense Tito Freire, creou o recipiente de barro cocido, con forma de tarteira e patas nos que se adoita preparar habitualmente a queimada.

O nacemento do actual conxuro

Mais o conxuro hoxe institucionalizado como unha das tradicións máis recoñecíbeis é algo relativamente recente. O conxuro tradicional da queimada foi inventado en Vigo en 1967 por Mariano Marcos Abalo para unha festa de xogos florais das moitas que entón tiñan lugar nun barco comisado amarrado no porto da cidade.

En 1974 o seu creador engadiulle as referencias a Satán e Belcebú e comezou a representalo na discoteca Fausto da cidade olívica.Por esa mesma época, unha imprenta viguesa comezou a vender copias do conxuro, inicialmente sen a súa autorización e logo pagando unha peseta por exemplar vendido.

Segundo o autor Miguel-Anxo Murado, no seu libro Outra idea da Galiza (2008), a popularidade do conxuro foi promovida polo Ministerio de Información e Turismo a través da súa introdución nos chamados paradores nacionais.

Sexa ou non isto así, o certo é que o éxito levou outras empresas a vender copias pola súa conta, sen ningunha autorización e sen citar o seu nome, o que puido contribuír á crenza de que o conxuro era dun autor anónimo.

En consecuencia, no 2001, Mariano Marcos Abalo decidiu rexistrar a propiedade intelectual do conxuro, que non é unha tradición ancestral, senón que só ten unhas décadas de historia.

Comentarios