A Deputación aposta na remusealización interactiva das Torres do Allo, en Zas

O proxecto forma parte dun plan turístico que inclúe Dombate e Buño.
Imaxe do pazo das Torres do Allo. (Foto: Concello de Zas) #torresdoallo #zas #deputación #cultura
photo_camera Imaxe do pazo das Torres do Allo. (Foto: Concello de Zas)

A Deputación da Coruña aborda a remusealización do pazo das Torres do Allo, un conxunto histórico no concello de Zas, apostando na dixitalización e interacción coas visitantes para ofrecer unha experiencia máis inmersiva e, en consecuencia, máis atractiva. 

Fontes da Administración pública explican que queren achegar os novos contidos ao público aproveitando todas as opcións que fornece “o pazo máis antigo da Galiza como atractivo turístico”. 

Desde a área de Patrimonio da Deputación, avanzan que a idea é “implantar novas fórmulas expositivas, como é a inclusión de exposicións temporais, para dar cabida ao talento artístico da contorna, mais tamén para promover que o público potencial se achegue a este espazo de maneira regular e non só esporadicamente”.

Cun investimento de 60.000 euros, quérese dar vida a un itinerario para as e os visitantes que estea relacionado entre si. Mesmo hai intención de explicar para que serviu cada espazo da construción. En total haberá reformas en 15 deles, que estrearán animacións en 3D sobre a edificación do pazo, narracións sobre os labores habituais, contos tradicionais e ficcións ambientadas no propio inmóbel. 

Reservarase espazo para mostras itinerantes nesta propiedade, que pasou a mans da Deputación en 1998 e ten a consideración de Ben de Interese Cultural desde tan só un ano despois.

As encargadas de afrontar o proxecto son as áreas de Patrimonio e Turismo da Deputación, dirixidas polo deputado e o vicepresidente do organismo, Xosé Lois Penas e Xosé Regueira, respectivamente. Segundo avanzaron estes departamentos, estase a traballar desde o punto de vista da actualización de contidos nas Torres do Allo pero tamén nunha estratexia a tres bandas para propoñer un itinerario maios ás e aos viaxeiros. 

Un plan de promoción a tres bandas

É dicir, a Deputación tamén ten na axenda próxima as remusealizacións do Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate, no municipio de Cabana de Bergantiños, e o Ecomuseo Forno do Forte de Buño (Malpica), para revalorizar os tres enclaves patrimoniais por separado e no seu conxunto. 

“Enmárcanse nunha nova forma de xestionar o patrimonio encamiñada a lograr que o público visitante viva os recursos que ofrecen os concellos dunha forma máis próxima á experiencia que á visita tradicional”, avanza Penas.

Comentarios