'Tolyatti Adrift' e 'Al otro lado del mar' triunfan na 18ª edición da MICE

'Tatuado nos ollos levamos o pouso', de Diana Toucedo recibiu o premio 'Crea'.
Entrega de premio na 18ª edición da MICE (Foto: MICE).
photo_camera Entrega de premio na 18ª edición da MICE (Foto: MICE).

O xurado da 18ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), promovida polo Museo do Pobo Galego, concedeu o Premio MICE ao Mellor Filme na sección Internacional a Tolyatti Adrift, de Laura Sisteró, e o Premio MICE ao Mellor Filme Galego a Al otro lado del mar, de Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez.

Tolyatti Adrift, producida por Boogaloo Films e distribuída por Begin Again Films, é unha película documental sobre o antigo símbolo do orgullo socialista, a cidade rusa de Tolyatti.

O xurado valorou o seu tratamento "a través dunha mocidade sen perspectivas de futuro en constante confrontación coa vida dos seus maiores, unha situación extrapolábel a case calquera lugar do mundo".

Ademais, tamén destacou o uso da cámara con "unha proximidade que se achega case de forma íntima á cotiandade dos protagonistas", e o equilibrio na montaxe mesturando imaxes de arquivo e actuais.

No caso de Al otro lado del mar, na cal os cineastas comparten aspectos das súas vidas e traballos na Galiza e Colombia.

Sobre esta película, o xurado subliñou o feito de que se penetre nun xénero "tan pouco visitado como é a vídeo correspondencia".

Estas cartas filmadas "recollen historias persoais, memorias afectivas, unha viaxe por planos con diferentes épocas de rodaxe, diferentes culturas, contextos e épocas sociais, gravadas ademais nun momento histórico moi concreto", que fan que "sexa fácil sentirse reflectido nas palabras, planos e sentimentos dos directores".

Outros premios

Por outra parte, o premio Agantro á Excelencia Antropolóxica foi concedido a Detached; o premio Crea, foi para Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo; e o Premio do Público outorgóuselle a Malgrat, de Santi Teijelo.

Comentarios