CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Thor: autoparodia e aventura cun reparto de altura

thor1
photo_camera Thor

THOR: RAGNAROK

(EUA 2017, 130 min.) 

Dirección: Taika Waititi

Guión: Eric Pearson, Craig Kyle e Christopher Yost

Fotografía: Javier Aguirresarobe

Música: Mark Mothersbaugh

Elenco: Chris Hemsworth, Tom Hiddleston, Cate Blanchett, Mark Ruffalo, Tessa Thompson, Jeff Goldblum, Idris Elba, Anthony Hopkins, Karl Urban, Benedict Cumberbatch, Sam Neill, Jaimie Alexander, Tadanobu Asano, Matt Damon, Taika Waititi

SINOPSE

A todopoderosa Hela (Cate Blanchet) eríxese como nova raíña de Asgard. Thor (Chris Hemsworth), que está preso nun planeta afastado, deberá reunir un equipo capaz de facerlle fronte á deusa da morte.

CRÍTICA

Os trailers made in Hollywood adoitan ou ben contar demasiado sobre os filmes que anuncian ou ben contar cunha montaxe enganosa que crea unhas expectativas que logo non teñen nada que ver co que veremos en pantalla. O trailer de Thor: Ragnarok foi un dos máis comentados do ano. Era xenial. Si, certo que contaba máis do que debería mais tiña gancho, destilaba humor, nostalxia retro e, sobre todo, tiña música de Led Zeppelin!! Si! ...E a versión orixinal! Nada de versións guais de grupos que van de guais... A orixinal... Co difícil que resulta que o grupo británico ceda algunha das súas cancións... e ademais Inmigrant Song precisamente... a que fala do Valhalla... Máis acaído imposíbel... Só queda engadir unha cousa: “Ah-aah-aaaaaaah-AH!!” Marabilloso... 

Sinceramente non o esperaba, pero esta obra mestra da música... redobre... non soa só no trailer... no filme tamén! E dúas veces nada menos! Xa só por iso coido que paga a pena achegarse a ver esta nova entrega do deus do trono. Pero hai máis razóns...

Dirixe Taika Waititi, un dos dous cabezapensantes (o outro era Jemaine Clement) do falso documental O que facemos nas sombras, un esmendrelle sobre a vida cotiá dun grupo de vampiros en Nova Zelandia. Ese particular sentido do humor de Waititi impregna o filme de Thor: Ragnarok, cando menos ata onde lle deixaron... É obvio que nun blockbuster destas características o control sobre o filme é mínimo, a meirande parte das pautas narrativas veñen marcadas desde arriba. Con todo, foi quen de deixar certa esencia que logra mudar todo o visto até o de agora e teñamos, de súpeto, un Thor cunha vis cómica que marcará tendencia. Humor con moita autoparodia, pero sen deixar de lado a aventura e a fantasía. Non chega ser tan adulta como Deadpool (2016, Tim Miller) pero tampouco tan infantil como Gardiáns da Galaxia (2014, James Nunn)... a medio camiño, vamos. Si que se aprecia certo intento por asemellarse a esta última, probablemente para entrelazar máis o Multiverso Marvel, mais onde patina o filme de Nunn, o de Waititi acerta de cheo.

A trama de Thor: Ragnarok sitúase dous anos despois de Vingadores: a era de Utron e supón, non era sen tempo, a primeira súper vilán feminina: a extraordinaria Cate Blanchet que interpreta Hela, a deusa da morte. Thor (Chris Hemsworth) deberá convencer ao seu irmán Loki (Tom Hiddleston), a unha valkiria (Tessa Thompson) e un endeusado Hulk (Mark Ruffalo) para que lle axuden a derrotar a este ser maligno que quere acabar con Asgard. O reparto complétase con Anthony Hopkins (Odin), Idris Elba (Heimdall), que repiten os roles da triloxía Thor, e dúas personaxes que eclipsan ao resto cada vez que aparecen, interpretadas por Karl Urban, no rol do esbirro Skurge, e o sobreactuado, e graciosísimo, Jeff Goldblum, como cacique dun planeta que se divirte coa loita de gladiadores alieníxenas. Xenial.

Entremedias efectos especiais brutais (contei até 15 compañías de efectos especiais, ILM incluída), cameos graciosos, moita mitoloxía nórdica, risas, aventura, fantasía e certo aire retro a Flash Gordon (1980, Mike Hodges) mesturado con Golpe na pequena China (1986, John Carpenter)... que máis se pode pedir dun filme de súper heroes? Ollo tamén á fotografía de Javier Aguirresarobe (Mar adentro), nas secuencias que non se nota a “pantalla verde”, claro...

De momento semella que Marvel segue a comerlle a tostada a DC, que contraatacará con A liga da xustiza nun par de semanas. Por suposto, e como vén sendo habitual na Marvel, Thor: Ragnarok conta con secuencia(s) post créditos... e tamén anuncio da seguinte entrega: Infinite War. Non sei até cando poderán explotar máis a galiña dos ovos de ouro, pero con filmes coma o de Waititi a cousa podería ir para longo...