O tempo de ánimas, no 'Sermos Galiza' desta fin de semana

David Rodríguez e o 'Beef' e as regueifas tamén fan parte do semanario.
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez o protagonista é o tempo de ánimas: defuntos, magostos e samaín.

Nunha reportaxe feita por Felipe-Senén López, este explica que “as festas con canto comportan de tradición, creación e relacións denotan o estado da cuestión sociocultural dun pobo. Unha colectividade en crise de identidade, que perde as súas orixes, a súa orixinalidade, que se acultura, tende a deixarse levar pola arroiada da propaganda a imitar”.

David Rodríguez

Continúa este número do Sermos cunha entrevista a David Rodríguez, Experto en filosofía política e escritor, elaborada por Manuel Veiga.

"O Estado español é o produto dunha formación histórica, dunha realidade xurídica e de moitos aspectos culturais e económicos compartidos”, indica Rodríguez na conversa.

Previamente, na páxina de apertura, a escritora Anxo Angueira ofrece unha reflexión titulada ‘Filla de Ames’.

Beef e Regueifas

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por Elvira Branco e titúlase ‘O pobo que canta nunca morre’.

Branco explica que “das tradicionais regueifas ao free style pasando polo pop, o rap ou a folktrónica. As listaxes de éxitos musicais de hoxe en día deixan máis claro que nunca que a tradición e a cultura galegas son chave da receita do éxito”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Inma Otero analizan na sección de libros dúas obras.

No apartado musical, Fernando Montenegro analiza o disco do Eixo do Jazz Ensemble Meets Iago Fernández. Pola súa parte, David Regueiro escribe un artigo titulado ‘Tony Gatlif’.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme O home e o can: “vai dun septuaxenario con certa tara psicolóxica e que nunca saíu da aldea, que debe ir á cidade en véspera de Noiteboa para curar o seu can”, indica Castro.

Branca Novoneyra ofrécenos unha nova entrega na sección A palabra futura e finaliza este número do semanario cunha receitas de Anxo Fole na sección de cociña.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios