O teatro de Manuel María volve aos escenarios en Compostela con esta obra

O Teatro Principal acolle o 'Auto dos simulados da Caravilla'.
O grupo de Teatro Amador da Medulio achégase a Compostela a representa a obra de Manuel María.
O grupo de Teatro Amador da Medulio achégase a Compostela a representa a obra de Manuel María.

Oito anos despois de que se publicase a obra teatral completa de Manuel María -nunha edición a cargo da fundación que leva o seu nome e ao coidado de María Pilar García Negro- as pezas que asinou o escritor da Terra Cha comezan a recobrar unha nova vida escénica.

En primeiro lugar, a través dos espectáculos premiados no Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, que posibilitou espectáculos como O meu mundo non é deste reino, A lúa vai encuberta, O auto do Castromil ou a máis recente, Berenguela na gaiola, de Galeatro e Xarope Tulú. Mais tamén grazas a iniciativas particulares de compañías afeccionadas que seguen atopando nos escritos de Manuel María un argumentario co que enfrontar o presente. 

Unha destas iniciativas é a da montaxe do Auto dos simulados da caravilla que, a cargo da Sociedade Cultural Medulio de Ferrol, representarase este sábado 7 de marzo no Teatro Principal de Compostela. Unha peza que ofrece unha visión satírica de lendas arraigadas no imaxinario colectivo -como o tributo das cen doncelas ou a batalla de Clavijo- e que xoga coa dialéctica entre dúas visións do apóstolo Santiago: o matamouros da batalla de Clavijo e o que aparece no parteluz do Pórtico da Gloria da catedral compostelá, patriarca e símbolo de paz e afabilidade que acolle os peregrinos na catedral.

O primeiro, unha figura belicista e reaccionaria sobre a que a obra de Manuel María ironiza ao desvelar a creación dun mito que responde a motivos ideolóxicos e que non concorda coa lectura xacobea, galega, dese símbolo da Galiza medieval. Sen dúbida o poeta estaba pensando no debuxo de Castelao que mostraba esas dúas imaxes do apóstolo co texto: O noso. O deles.

Varios niveis de lectura

Segundo declaraba Francisco Rodríguez, director da montaxe a este diario no día da estrea, o teatro de Manuel María se presta a unha recreación escénica moi libre, dá moitas posibilidades a solucións imaxinativas. As súas son obras moi contemporáneas en canto á proposta ideolóxica. Neste caso, a obra preséntase, en primeira lectura, como unha comedia intranscendente, baseada na lenda popular do tributo das cen doncelas que tiñan que pagar os reis cristiáns aos musulmáns en forma de tributo. É unha recreación satírica das guerras que, para liberarse desta carga, levaron adiante os cristiáns. Nese sentido, é unha obra gozosa que se ocupa de que o público pase cincuenta minutos agradábeis. Mais afondando un pouco, hai outros niveis de lectura que a revelan como unha obra feminista -unha peza de 1978-, xa que no relato de Manuel son as mulleres as que fan detonar o conflito, as que provocan a liberación dese tributo que as castiga, principalmente, a elas".

Efectivamente, no Auto dos simulados da caravilla, son as propias mulleres as que se liberan. Pero ademais, unha delas, a filla de Carlomagno, "pide casar co xeneral musulmán, desfacendo así o discurso ideolóxico que ditamina que o inimigo dos cristiáns debe ser o mundo musulmán, en favor dun pacto de paz e convivencia". 

Rodríguez puña de manifesto o forte contraste coa fobia antiislámica que se promove a través da defensa do Estado de Israel e dos prexuízos racistas sobre o mundo árabe e musulmán en xeral. "Con esa mudanza do Santiago Matamouros no Santiago do Pórtico da Gloria, Manuel María avogaba por un discurso que está nas antípodas ideolóxicas do relato predominante hoxe en Occidente".

Comentarios