Casa-Museo Manuel María: literatura e Memoria de Galiza

Casa-Museo Manuel María / Rúa F, 2 / Outeiro de Rei / Telf.: 698177621

A Casa de Hortas acolle en Outeiro de Rei a Casa-Museo Manuel María. (Foto: Casa-Museo Manuel María)
A Casa de Hortas acolle en Outeiro de Rei a Casa-Museo Manuel María. (Foto: Casa-Museo Manuel María)

A Casa-Museo Manuel María abriu ao público no ano 2013 na casa natal do escritor, coñecida como Casa de Hortas. Está situada mesmo a carón da casa do concello de Outeiro de Rei.

Nela acóllese o legado do escritor que se conserva unido e completo como ocorre en poucas ocasións. Podemos atopar a marabilla dunha das mellores bibliotecas particulares do libro galego ou sobre Galiza, con máis de 14.000 volumes; unha ampla documentación reunida ou xerada polo escritor nas súas facetas creativas, sociais, culturais ou persoais; os seus obxectos persoais que fan que a Casa conserve o seu vello recendo; un interesante fondo artístico que o escritor foi recibindo de artistas con quen mantivo relación de amizade; correspondencia, fotos, audios, vídeos, obxectos curiosos... o mobiliario e toda a diversidade do legado que fai que a Casa sexa memoria viva da Galiza.

Nos tres últimos anos, co falecemento de Saleta Goi, tamén o fondo desta pasou a enriquecer o xa existente con máis de 2.000 libros, nova documentación e obras artísticas, e un bo número de obxectos persoais comúns. E todo isto acomodado nunha prototípica casa chairega.

Se a casa dun particular representa o seu conforto primario e a protección primeira fronte ás continxencias, unha casa-museo representa un abrigo colectivo para quen quere habitar a cultura, un instrumento de protección fronte á desmemoria e a ingratitude. Neste sentido, o proxecto da Casa-Museo Manuel María representa a batalla pola memoria, a loita por facer visíbeis os valores culturais e literarios da Galiza, particularmente de Manuel María que posúe unha obra rotunda e coherente acompañada dunha traxectoria persoal igualmente coherente e entregada á causa dunha Galiza máis galega.

Visitar a casa é como facer un percorrido polas pasaxes máis relevantes da Galiza do século XX, sempre na compaña da escrita e da voz de Manuel María, co seu canto preocupado e sempre esperanzado, facendo doado saír cun sorriso no corazón e a sensación de ter recibido a aperta dun irmán.

Biblioteca Manuel María

Está integrada polos máis de 12.000 volumes que Manuel María foi atesourando durante toda a súa vida, acrecentados polos máis de 2.000 que colectou finalmente Saleta Goi. Nestes fondos bibliográficos destacan a temática galega e o xénero poético. O traballo voluntario de moitas persoas permitiunos xa completar o inventariado destes volumes.

De ruta pola súa obra

A través de diferentes roteiros podemos visitar a Casa-Museo Manuel María e a súa contorna a través da propia obra creativa de Manuel María descubrindo e coñecendo eses espazos e elementos capitais do seu traballo, magnificamente relatados e poetizados por quen tanto os amou, e achegarse máis e mellor ao propio Manuel María.

Fraternidade e romaría

O vindeiro sábado, a Casa-Museo Manuel María acolle unha nova edición do Convivio da Cultura Galega, coma sempre, tendo moi presente o autor chairego e a súa obra. Entidades e asociacións da cultura de base danse cita neste emblemático enclave para homenaxear Manuel María e Saleta Goi, quen tanto apreciaban estas festas populares. A xuntanza, convocada pola Federación Galiza Cultura, volverá contar así co espírito festivo das romarías galegas e cun espazo aberto para que as asistentes poidan acompañar a música coa danza e co espírito de fraternidade que se dá desde a primeira edición deste convivio.

Comentarios