Festival Fazer a Festa

Teatro galego para a infancia en Maia

O festival fazer a Festa de Maia, dirixido a público familiar, exhibe no seu programa espectáculos das compañías galegas Moving Compass e Pérez & Fernández. 
Unha escena de 'Os nenos da varíola', da compañía pÉrez & Fernández.
photo_camera Unha escena de 'Os nenos da varíola', da compañía pÉrez & Fernández.

A 41ª edición do Fazer a Festa, o Festival Internacional de Teatro para a Infância e Juventude da localidade portuguesa de Maia, decorre desde o 29 de xuño até o 3 de xullo. O certame presentará sete espectáculos protagonizados por cinco compañías portuguesas, unha galega e unha coprodución franco-galega.

Conta tamén cunha exposición "Fazer a Festa – Ecos na Comunicação Social”; unha Tertulia denominada "O Teatro para a Infância e Juventude nos meios de comunicação: divulgação e crítica” e a presentación do número 5 da revista Novos Cadernos Fazer a Festa.

 

Dúas compañías galegas 

Mascarada, da compañía Astro Fingido abrirá o festival o día 29 no Grande Auditório do Fórum da Maia. A seguir, na Quinta da Caverneira, se presentarán, o día 30, O Estado do Mundo (quando acordas), da compañía Formiga Atómica e, o día 1, Mentira a quanto obrigas, de Teatro de Montemuros. 

O día 2, a compañía franco-galega Moving Compass presenta o seu espectáculo Nino & Mambrú, inspirado nas grandes personalidades da historia da comedia. Ese mesmo día, a compañía Krisálida, presenta o espectáculo de marionetas Plastikus

O último día do festival comeza nos Xardíns da Quinta da Caverneira coa compañía O Nariz e a súa adaptación do clásico O Principezinho

Finalmente, fechará o certame a compañía galega Pérez & Fernández, coa súa obra Os nenos da varíola, adaptación da novela de María Solar, que recibiu o Premio María Casares ao Mellor Espectáculo Infantil e que recupera a historia da enfermeira de Ordes Isabel Zendal e a expedición que liderou para levar a vacina contra a varíola a América.

Comentarios