Toño Casais, “O teatro galego estase a afogar”

Toño Casais chega á presidencia da Asociación de Actores e Actrices de Galiza nun momento crítico para o sector. Abafado pola falta de programación e por un desemprego estimado nun 80%, o novo presidente defende a necesidade dunha fronte común das artes escénicas para defender o seu futuro. No positivo, festexar o Ano do Teatro a través da figura de Roberto Vidal Bolaño.

O plan de traballo que ten diante de si a nova directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galiza diríxese, en primeiro lugar a consolidar a súa presenza na Plataforma de Artes Escénicas. “Compre facer un fronte común nunha situación como a que estamos a vivir ademais de formar parte do consello asesor do Centro Dramático Galego” sinala Toño Casais como primeiros obxectivos despois de ser nomeado presidente de actores e actrices. 

Desastre nacional

A Asociación baralla un índice de desemprego no sector que ronda o 80%. “A cifra é catastrófica. Se acontecera en calquera sector, hostalería ou mecánica, poño por caso, estariamos a falar de desastre nacional. Todo o mundo pensa que a xente de teatro ten outros ingresos e non é así. A crise nos está afogando” afirma Toño Casais para quen o discurso de que en tempos de escaseza compre atender outras prioridades e non a cultura “callou na cidadanía, sen ter en conta que o teatro cumpre tamén un papel social”. 

Como actor da compañía Talía Teatro, Casais comproba que o público non diminuíu. “Baixou o nivel de contratacións. As administracións non só están secas senón tamén asustadas. O segundo semestre deste ano está a ser terríbel. Eliminouse o circuíto Camiños da Cultura e moitos concellos xa non programan” comenta. Alén dos propios actores e actrices hai xa compañías profesionais que este ano non van montar espectáculo. Lagarta, lagarta ou Teatro do Atlántico, dúas sólidas propostas escénicas, non teñen en carteira nova obra para estrearen este ano. Toño Casais quere traballar man a man con Escena Galega, entidade que agrupa as compañías. “Agora estamos todos xuntos e compartimos obxectivos porque a situación é moi dura para empresas e traballadores” comenta o novo presidente que, porén, recoñece que o nivel artístico do teatro galego é “marabilloso, e moitas persoas, series e compañías están a ter recoñecemento profesional”. 

Ano do Teatro con Vidal Bolaño

Mais o horizonte non é só cincento. A Casais a escolla por parte da Academia Galega de Roberto Vidal Bolaño como autor homenaxeado no Día das Letras Galegas albíscase como unha oportunidade de reivindicación para o teatro. “Roberto foi precursor no teatro profesional e a súa figura convídanos a que o ano que ven sexa o Ano do Teatro, que se conmemore a súa figura no papel fundamental que tivo no teatro galego” comenta. O CDG montará un espectáculo pero, ao seu ver, a obra particular do dramaturgo no pide só reedicións, senón tamén dramatizacións e que os escenarios galegos se volquen no que foi unha figura clave na súa historia. 

Canda o actor Toño Casais como presidente, a nova directiva escollida o pasado domingo na asemblea xeral da AAAG está integrada por Casilda Alfaro como vicepresidenta e Guillermo Carbajo como secretaria ademais de Camila Bossa, Álex Carro, Victoria Pérez, Lucía Regueiro, Mónica García, Vicente De Souza, Josito Porto e Déborah Vukusic xunto con Antonio Durán, “Morris”, ate agora presidente.

Comentarios