Sumrrá e Marcos Coll estarán no festival CourelSon

O evento contará con cinco concertos que se realizarán nas parroquias de Seoane, Vilamor, Seceda e Paderne no concello de Folgoso do Courel.
Unha actuación do CourelSon do 2021 (Foto: Nós Diario).
photo_camera Unha actuación do CourelSon do 2021 (Foto: Nós Diario).

A Serra do Courel contará este mes de xullo con toda unha programación de actividades na procura da súa dinamización como espazo natural aberto á cultura. A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel informa, a través dun comunicado, que organizará o 9 de xullo a Festa da Cantarela, coa intención de promocionar este cogomelo.

Nela participarán varias casas de turismo rural da zona e o chef Héctor López. Ademais de cultura gastronómica haberá  roteiros guiados e representación de instrumentos e músicas tradicionais a cargo de Xavier Blanco, da Fundación Legar

Chega o festival de blues e jazz na montaña

Un dos eventos máis agardados, tamén organizado pola mesma entidade, é o CourelSon, Jazz e Blues na Montaña, que contará con cinco concertos que terán lugar nas parroquias de Seoane, Vilamor, Seceda e Paderne no concello de Folgoso do Courel.

Serán actuacións gratuítas, entre luscofusco, acompañadas da presenza de produtoras e produtores da zona ofrecendo os seus produtos ademais de contar coa posibilidade de realizar roteiros temáticos en cada lugar. 

O Festival comezará o 25 de xullo coa actuación de Lucía Martínez Cuarteto (Seoane do Courel, 20.30 horas). Esta  baterista, compositora, exploradora e mestra de jazz viguesa presentará Calma y Algo Más, o seu novo traballo que está a piques de saír ao mercado.

O sábado seguinte, 16 de xullo, actuarán The Fabulous Resaca Brothers (Vilamor, 20.30 horas), un quinteto compostelán e habitual dos festivais de blues galegos e peninsulares. 

O 23 de xullo será a quenda de Los Winters (Folgoso, 20.30 horas), o trío madrileño fundado en 2014 que realiza en cada actuación unha homenaxe ao bluesman albino Johnny Winter. Ao día seguinte, 24 de Xullo, actuará Marcos Coll e Remy Bankyln (Seceda, 20.30 horas), o harmonicista actual máis recoñecido a nivel internacional após compartir escenario con figuras como Buddy Miles, Mick Taylor ou Tom Jones.

Neste concerto estará acompañado do novísimo guitarrista e cantante Remy Banklyn. Fechará esta edición de CourelSon o 30 de Xullo co concerto de Sumrrá (Paderne, 20.30 horas), o grupo formado por Xacobe Martínez, Manuel Gutiérrez e LAR Legido.

Comentarios