Sonia García, investigadora: "Queren turismo, mais chegará a un Courel baleiro se non se toman medidas"

'Un ano no Carballal. Da vida tradicional aos novos tempos no Courel', da profesora Sonia García, é a novidade editorial que vén de tirar do prelo Canela. Un completo estudo que pon o foco na vida do Courel, desde a antigüidade até os retos e potencialidades de futuro nunha comarca que destaca pola forza da natureza. Conversamos coa autora sobre estas e outras cuesións.
Sonia García, co Carballal ao fondo (Nós Diario).
photo_camera Sonia García, co Carballal ao fondo (Nós Diario).

Como inicia este proxecto? 

Quería afondar máis na historia do Courel. Propúxenlle a idea á editorial Canela, que admiro, e, xa antes de comezar, déronme toda a confianza. Juan Vázquez, veciño do Carballal e un dos principais informantes que aparecen no libro, sempre me dicía que non quería morrer sen ter recollido a historia do seu lugar (fora gaiteiro, movérase por todo O Courel e tiña moito dentro para contar). Así, acudín a el por se lle apetecía plasmar todo ese coñecemento e aceptou. Foi a primeira porta aberta.

Coñezo O Courel desde hai máis de vinte anos. Ao principio, cando chegas, quedas engaiolado pola paisaxe e despois vas facendo amizades. Primeiro ía e viña, mais co tempo fun vivir alá e estiven recollendo información durante máis de catro anos para esta publicación. Pouco a pouco, fóronseme abrindo as portas de cada casa. Ao final colaborou comigo, dun modo ou doutro, toda a veciñanza. A xente axudoume moito, tanto do Carballal como de Vilamor, Visuña... Achegaron fotografías, historias, lembranzas… e até me aprenderon a facer pan. Os protagonistas do libro son as persoas do Courel, desde o local até o universal, eu só me encargo de fiar e darlle forma. 

Divide os capítulos por meses, foi mudando a súa percepción persoal sobre O Courel nese tempo?

Si, por suposto. Vivir alí é moi diferente. O primeiro que notei é que ía moi acelerada. Viña da Coruña e no Carballal a vida ten outro ritmo. Alí aprendín a relativizar, a valorar máis unha conversa, a escoitar a natureza… Por exemplo, na Coruña gustábanme as tormentas, mais alí caen unhas terríbeis que fan desfeitas -acaban coa horta, rompen a quenlla, os teitos- e pensas: “Caramba, xa non é tan romántica a tormenta”.  

Lonxe de prexuízos, axudoume moitísimo para ver a crueza de vivir alí. A xente é moi solidaria, unha persoa soa nesa zona pode ter moitas dificultades. Por un lado, perdín medos tontos que tiña e, por outro, apareceron algúns que nin me pasaban pola cabeza, como a forza da natureza. O Courel ensinoume a apreciar a xente, unha boa conversa e deixar o reloxo na casa. A escoitar moito. Foi un antes e un despois. Seguirei ligada ao lugar para sempre. É marabilloso. O Courel ten un algo que te atrapa. 

No libro aborda non só as necesidades da veciñanza do Courel, senón tamén as súas potencialidades de futuro. Que valoración fai?

Sempre digo o mesmo, no Courel, a vida tradicional, como quen di, xa rematou, tan só quedan estas últimas xeracións... 
Hai un debate aberto entre os que queren que O Courel volva ser o que era, algo que me parece imposíbel e moi inxusto porque esta xente ten que vivir tamén no século XXI e non vai estar plantando cereal no cumio das serras cando alí non hai nin persoas. Esta é unha visión ideal, bucólica, mais non se pode obviar que levaban unha vida dura, durísima, e no libro queda recollido. As veciñas e os veciños eran felices, mais a vida era moi difícil tamén. 

Ao tempo, penso que o futuro do Courel, en parte, pode estar baseado nese pasado, conservando a memoria da súa personalidade para que non se acabe por facer o mesmo que xa hai en todas as partes. Vexo necesario que se conserven os sequeiros, os muíños, as fraguas, as ferrarías… Hai moitas cousas que se poderían aproveitar para darlle un futuro con personalidade propia a esta comarca. 

Como viven hoxe? Nalgúns aspectos moi apartados do mundo por falta de servizos: as estradas están sen preparar, na Atención Primaria non hai médico de garda ou botan sen teléfono durante unha semana por unha tormenta… Mais aínda así resisten, adáptanse. Habería que facer moito polo Courel e dunha forma organizada. En Asturias, por exemplo, hai sitios exemplares como Taramundi ou Os Oscos sen ir máis lonxe… 

A xente aquí vai a menos. Queren traer turismo, mais chegará a un Courel baleiro, sen personalidade, sen veciñanza. Non hai unha aposta firme por parte das administracións. Ten que planificarse unha mellora desde o concello, que pode o que pode, até a Xunta, Europa ou até quen queiran, mais O Courel necesita axuda urxente, e boa.

No entanto, vén de presentarse un proxecto de parque eólico que afecta ao Courel...

Comprendo que temos que ir cara ás enerxías limpas porque estamos nun punto case sen retorno, mais os parques eólicos non se poden pór en calquera sitio. O Courel, O Bierzo, O Oribio… todas estas serras para nada son lugar onde colocar aeroxeradores.

Non me gustan en ningún sitio, mais hai outros espazos onde instalalos sen romper a calidade da Rede Natura, que presenta unha relevancia paisaxística realmente importante. Ademais de que son uns eólicos que non valen para servir á Galiza porque esa electricidade non queda aquí, é unha forma de colonización. Pagamos as consecuencias pero aquí non repercute. 

Unha ollada desde O Courel como centro

Sonia García (A Coruña, 1972) é licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e está especializada en Xeografía Aplicada. Autora de O libro do Courel (Belagua, 2016), unha obra de carácter divulgativo dos aspectos xeográficos, históricos e etnográficos da comarca, na actualidade continúa afondando no estudo deste territorio, do que é especialista e prepara novos proxectos.

Agora vén de tirar do prelo Un ano no Carballal. Da vida tradicional aos novos tempos no Courel (Editorial Canela, 2021), un extenso volume no que a autora afonda no medio natural, na vida tradicional, na etnografía, na antropoloxía, na toponimia, no uso local da língua, na música… "a partir das testemuñas recollidas entre a veciñanza do Courel", completadas con fotografías, arquivos sonoros e de vivencias in situ.

Comentarios