O turismo de cogomelos, a debate no último 'Sermos Galiza' do ano

Neste número do semanario entrevistamos tamén o director de cinema Néstor Suleiman.
Detalles do último 'Sermos Galiza' de 2022.
photo_camera Detalles do último 'Sermos Galiza' de 2022.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, o último deste ano 2022. A capa protagonízaa desta volta a reportaxe 'Micoturismo na Galiza. Unha materia pendente', asinada por Alejandro Mínguez, que analiza a alta calidade e forte presenza dos cogomelos na Galiza e realiza un percorrido pola súa historia.

"O micoturismo é unha realidade en zonas próximas como Castela e León, pero na Galiza non arrinca, entre outras cuestións pola falta de profesionalización e de formación. Algo que podería empezar a cambiar", sinala o autor.

Néstor Suleiman: diáspora saharauí

O xornalista Antón Escuredo ofrece neste Sermos unha extensa e prolífica entrevista ao director de cinema arxentino Néstor Suleiman sobre a súa última obra, Diáspora no Sáhara, premiada no festival FiSahara como mellor película de temática referida ao pobo saharauí.

"Eu veño dunha familia de orixe árabe. O meu pai naceu en Alepo, Siria, e a miña nai é filla de palestinos. Desde moi novo militei na causa árabe e ao mesmo tempo desenvolvín o meu traballo político no movemento peronista. Lembro a visita á miña casa do cura párroco ortodoxo de Rosario. Era moi común nas familias ortodoxas que o sacerdote visitara unha vez ao ano a casa para darlle a bendición a todos os sus integrantes", comenta.

Arquitectura (case) intanxíbel

"Os intanxíbeis son aquelas cousas que non se poden tocar pero están aí". Con estas palabras presenta Iago Valverde a reportaxe que asina no semanario deste sábado, un texto que debulla a obra arquitectónica de Ramón Montero e Carmen Pérez Parapar.

"Durante os anos de estudantes Ramón e Carmen coñécense e comezan a traballar xuntos. As súas respectivas virtudes fanos ser un equipo equilibrado. Carmen aporta a parte reflexiva e Ramón a intuitiva. A xusta medida de cada unha fan que os proxectos saian adiante. Ademais, comparten o interese por coñecer ben aos clientes e aos lugares", explica Valverde.

Cinema, teatro e literatura

Desta volta a opinión cinematográfica ofrécea o experto na materia Andrés Castro. Escribe a respecto do filme Pinocho, unha adaptación de Guillermo del Toro que cualifica de "cartesiana".

No apartado de Libros atopamos, en primeiro lugar, a análise de Tensi Xesteira sobre Teoría King Kong, de Virginie Despentes e traducida por Raquel Senra. Por outra parte, Inma Otero Varela escribe sobre Serendos obsolimos, de Pepe Cáccamo.

No apartado musical, Herminio Gonzalez asina o artigo titulado 'Música dos Açores no mundo', no que fala do proxecto Mar & Ilha, ao tempo que Fernando Montenegro debulla o disco Contradictio, de Xosé Miguélez. Aliás, o Colectivo Xea trasládanos na sección Andar e ver ao litoral de Ares, namentres Anxo Fole ofrece en Cociña un último menú para concluír o ano.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca Xoán Costa.

Comentarios