O toque manual de campá, declarado patrimonio da humanidade, protagoniza o 'Sermos Galiza'

Neste novo número do semanario analizamos tamén a pegada no país de Abel Bouhier, o francés 'máis galego', e entrevistamos a cociñeira Rocío Martínez.
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza. Desta volta o protagonista é o toque manual das campás, declarado patrimonio inmaterial da humanidade pola Unesco, entendéndoo como unha linguaxe sonora que funcionou ao longo dos séculos como medio de comunicación, cumprindo un conxunto de funcións sociais na comunidade: informar, coordinar, delimitar o territorio e protexer.

"O toque manual está en perigo de extinción: só están inventariadas 10% da totalidade de campás do Estado español e tampouco se coñece o número de torres e o número, tipo e características das campás que hospeda. Non existen normas, nin protocolos de carácter técnico, musicolóxico e incluso ético, que regulen as intervencións nas campás e nos campanarios, nin que consideren as interrelacións existentes no instrumento formado pola torre e as súas campás", explica Elvira Branco nesta reportaxe.

Abel Bouhier, o francés máis galego

Unha segunda reportaxe asinada por Ricardo Suárez afonda na figura de Abel Bouhier, un personaxe pouco coñecido para a maioría da poboación galega. Porén, poucas persoas coñeceron a Galiza tan en profundidade como o fixo o xeógrafo francés. A súa obra mestra, Galicia: Ensaio xeográfico de análise e interpretación dun vello complexo agrario, publicada en francés no ano 1979 e traducida ao galego en 2001, segue a ser actualmente unha referencia nos estudos xeográficos, históricos e económicos sobre o mundo rural galego.

"Estivadas, pasto no monte, roza de toxo para estrume, esterco achegado con abundancia a unha terra escasa e mantemento do terreo inculto non son, non eran, costumes bárbaros senón modos diversos de expresión dun sistema agrario que se mantén, que ten unha lóxica total, e que, precisamente, no momento actual, tordea, porque se quixo, con toda a boa fe, mais á forza, modernizalo, mentres que non se fixo máis que privalo dalgúns dos seus apoios esenciais", explicaba Bouhier nun discurso que matiza o mitificado atraso do agro galego e que está, 44 anos despois, de plena actualidade.

Rocío Martínez: alta cociña saída do mercado

A entrevista do Sermos desta semana corre a conta de Laura Veiga, que conversa coa cociñeira Rocío Martínez sobre o seu restaurante, Pementa Rosa, en Carballo. Coa idea de promover a calidade nos seus pratos, a sustentabilidade na súa contorna e a súa comarca de Bergantiños como destino turístico, Martínez tamén se implicou no proxecto Os Fogóns do Anllóns, impulsado pola Deputación da Coruña e coa participación dos concellos.

"Hai nove anos esta cociña que nós facemos era vista como diferente, estaba fóra do que se comía normalmente, mais agora xa non é tan estraño. E, por outra parte, Carballo é un lugar marabilloso e cando a xente te coñece xa é moito máis doado. Agora xa non imaxinas un día a cero, sen ninguén, cando antes era algo que podía ocorrer, e que de feito ocorría", expón a cociñeira.

Cinema, teatro, literatura...

O experto en cinema Andrés Castro debulla os filmes máis salientábeis da carteleira actual comezando por Aftersun, de Charlotte Wells, e Carlos L. Bernárdez aborda a pegada de Francisco Fernández del Riego na sección de Arte e Xabier Vázquez Pumariño fala da COP15 sobre biodiversidade, "esa grande ignorada", en Ecos.

Tensi Xesteira analiza no apartado literario Entre leiras e labores. Antoloxía verbo-visual de autoras galegas, un libro de autoría múltiple coordinado por Inma Doval Porto. Pola súa parte, Manuel López Foxo fálanos de Inmateriais, obra de Suso de Toro publicada en 2013.

No apartado musical, Herminio González analiza as novidades musicais, a comezar polo álbum Interferencias, de Garza, mentres Xurxo Souto escribe un artigo titulado 'Ano do Xestal en Carballo' sobre a figura de Carlos Díaz, O Xestal.

Aliás, o colectivo Xea lévanos a facer un percorrido por desde Nerga até Cabo Home para coñecer a fondo a ría de Vigo, nunha ruta duns 12 quilómetros ida e volta e de dificultade baixa.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios