Sermos Galiza reflexiona sobre os 20 anos do pensamento feminista

Unha das reportaxes do novo número do Sermos. (Foto: Nós Diario)
O caderno deste sábado, que atoparás nos quiosques e puntos de venda habituais xunto co Nós Diario, tamén inclúe unha entrevista coa autora María Reimóndez e unha análise da arquitectura do estudo Ansede Quintáns.

Como previa ao número monográfico do sábado día 13 dedicado ao coronavirus, esta semana Sermos Galiza abre cunha coidada reportaxe de Manuel Xestoso sobre a muller. En 'Mulleres en acción. Vinte anos de pensamento e acción feminista', o xornalista repasa a evolución dese foro que xurdiu da Mostra de Teatro Cómico e Festivo decorrida en Cangas hai xa dúas décadas.

Tamén como antesala do 8M, María Reimóndez protagoniza a entrevista da semana. Nunha peza asinada por Montse Dopico -e con fotografía de Mark Zlick, da AELG-, baixo o título 'María Reimóndez. Nomear a ex-centricidade', a autora fala de Cobiza (Xerais), unha novela coa que logrou levar o I Premio Literario Pinto e Maragota.

Na obra fala de temas como a diversidade sexual e de cuestións de xénero.

Pola súa banda, Iago Valverde fala de 'Ansede Quintáns. Diálogo do posíbel' no espazo destinado á arquitectura, no que intenta analizar un traballo "difícil de definir" pero moi chamativo á vista.

Nesta ocasión o Andar e Ver, a cargo do Colectivo Xea -Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo- decide ir 'De Sanxenxo a Areas' ao tempo que a Consellaría de Sanidade anuncia o levantamento dos fechamentos perimetrais na meirande parte dos concellos, polo que as axendas empezan a botar fume.

Como non podía ser doutra forma, os libros tamén son unha parte fundamental do semanario. Deles falan Mario Regueira e Inma Otero Varela e, en paralelo, atoparás críticas musicais de Mario Vilariño e Carlos Penela. Andrés Castro volve, como cada sábado, coa súa visión do cinema.

Pasado o entroido, Anxo Fole fai a súa proposta de menú para este tempo no apartado de cociña. E por se os ingredientes non eran suficientes, rematamos cos pasatempos creados por Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Para gozar de todos estes contidos non tes máis que acudir ao teu quiosque ou á nosa lonxa en liña e adquirir o Sermos que acompaña ao Nós de mañá. Non perdas máis tempo para ter contidos en exclusiva e fai canto antes a túa subscrición!