A autoestima cultural de Mercedes Peón protagoniza o 'Sermos Galiza' deste sábado

A obra e legado do fotógrafo Edelmiro Méndez e mais as precarias condicións nas que viven as e os saharauís residentes en campos de refuxiadas centran tamén este novo número do semanario.

Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.

Como cada sábado, Nós Diario trae este sábado entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta vez a protagonista é a compositora Mercedes Peón (Oza-Cesuras, 1967), que conversa con Montse Fajardo sobre a súa obra e ese crear continuo a partir do zume que nutriu as súas raíces durante un cuarto de século de recollida.

"Cando saquei o primeiro disco xa era unha artista referente para a xente maior das aldeas, que me adoraba. E eu a elas e a eles, por todas esas formas de vida, por eses microhábitats, que é o concepto que eu utilizo nas charlas para falar das aldeas e entender esa explosión de creatividade que habita o imaxinario común. Eu veño do contacto directo con elas, e nun momento dado precisei expresarme como compositora, música e política. Por iso saquei o Isué. E non houbo ningún tipo de fricción, ao contrario. Para estas persoas que me querían profundamente e que eu admiraba seguín a ser a mesma", relata a artista.

Fotografías para a memoria do país: vida e morte a través da lente de Edelmiro Méndez

A primeira reportaxe do Sermos leva a sinatura da xornalista Ana Loureiro, que analiza a obra do fotógrafo Edelmiro Méndez. Entre os anos 50 e 60 o país iniciaba unha transformación que mudaría a sociedade de xeito irreversíbel. Pasado e futuro convivían baixo a mirada da lente de Edelmiro Méndez, fotógrafo no concello da Pontenova (comarca da Mariña) e axente fundamental na conservación da memoria dunha Galiza cambiante. A partir do libro Edelmiro Méndez. Da Terra que fomos, a Editorial Canela recolle o seu traballo nunha obra que dignifica a fotografía labrega nunha viaxe desde o nacemento até a morte.

Pablo Quintana, editor do libro, asegura en declaracións a Sermos Galiza que o interese por “manter o negativo completo”, foi unha das máximas que se seguiron no proceso de publicación, procurando con isto “conservar o encadre de cada unha das fotografías” tal e como o realizara Miro. Para potenciar visualmente este encadre orixinal, na edición do libro as fotografías acompáñense dun borde negro que permite apreciar até onde chega o fotograma.

Sáhara: a vida nos campamentos de refuxiadas

Iago Varela asina desde o Sáhara a segunda reportaxe deste novo número do semanario e nela aborda a situación que atravesan as e os saharauís que residen en campamentos de refuxiadas, unhas 173.500 segundo cifras achegadas por Médicos do Mundo. Fano soportando as extremas condicións do deserto, onde no verán se superan os 60 graos, e distribuídas en cinco campamentos (Auserd, Smara, Djla, El Aaiún e Boujdour), aos que se suma o de Rabunni, campamento administrativo do Goberno da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).

As condicións climáticas nos territorios que ocupan os campamentos son extremas, distinguindo dúas estacións: inverno e verán. No primeiro, o frío alcanza con frecuencia os cero graos, mentres que no verán son habituais as temperaturas que se achegan aos 60 graos durante o día. Ademais, son frecuentes os chamados “sirocos”, tormentas de area que dificultan a actividade, e aínda que as choivas practicamente non existen, como xa se comentou aproximadamente cada cinco anos reprodúcense tormentas que levan a riadas que acaban por causar cuantiosas perdas materiais e económicas.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Inma Otero Varela achégannos na sección de libros as últimas novidades no sector, a comezar por Hotel Carioca, de Antón Riveiro Coello (Galaxia, 2023), e Enxertos, de Dores Tembrás (Apiario, 2023). No apartado musical, Fernando Montegero analiza o disco Sons of Revolution, de Júlio Resende Fado. Pola súa parte, David Regueiro asina o artigo titulado 'Onde escoitar Jazz?'.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Samsara, de Lois Patiño, que vén de estrearse nas salas de cinema de todo o Estado español, e Branca Novoneyra achega o artigo 'A idade de ouro (III)', dentro da sección A Palabra Futura. Aliás, Anxo Fole propón un xantar de Nadal no apartado de Cociña.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos, como vén sendo habitual, corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios