'Sermos Galiza' investiga sobre a pedofilia oculta en Twitter

Aliás, entrevistamos o afamado pianista James Rhodes, analizamos o paso das Tanxugueiras polo Festival de Benidorm e falamos do inicio do Entroido na Galiza. Todo isto, e máis, este sábado con 'Nós Diario'.
"Twitter, a gorida dos pedófilos", unha reportaxe de Héctor Pena que atoparás neste número de 'Sermos Galiza'.
photo_camera "Twitter, a gorida dos pedófilos", unha reportaxe de Héctor Pena que atoparás neste número de 'Sermos Galiza'.

Este sábado atoparás nos quiosques, xunto ao teu exemplar de Nós Diario, unha nova edición do semanario Sermos Galiza —64 páxinas a cor por só tres euros—.

Abrimos este novo número cunha reportaxe do xornalista Lois Alcayde sobre o inicio do Entroido na Galiza, facendo un repaso dos primeiros días de festexos: o fareleiro, o oleiro ou os de comadres e compadres.

"O Entroido, coa máscara, o traxe e os sons acompañantes, é data sinalada en numerosas vilas galegas desde o remate do Nadal. Trátase dunha esmorga anárquica -non tanto hoxe, dirían as fontes consultadas- en contido e en calendario, xa que vai vencellada á celebración da festa rotatoria e procesional da tradición cristiá, a Semana Santa, e cuxos inicios nunca están claros, nin consultando as fontes do pasado nin escoitando as voces do presente", sinala o autor desta peza.

James Rhodes, "piano e acción"

Neste número de Sermos Galiza entrevistamos o afamado pianista inglés James Rhodes, nunha peza que o xornalista Antón Escuredo titula "James Rhodes, piano e acción". Entre os seus propósitos para 2022, o músico apuntou "mellorar" o seu galego.

A respecto do estado da lingua, apunta nesta conversa: "O máis triste para min é que, polo que me contan algunhas amizades da Galiza, moita mocidade non fala nin entende o galego. Está a extinguirse! Nunha ou dúas
xeracións máis non haberá galego. Mesmo para un inglés coma min é algo moi triste".

Twitter, a "gorida" dos pedófilos

Así as cousas, o xornalista Héctor Pena afonda nunha reportaxe de investigación na presenza de actitudes pedófilas nas redes sociais, nomeadamente en Twitter, e como isto pode supor un enorme risco para a mocidade galega.

"Os pedófilos crearon en Twitter unha serie de códigos para comunicarse entre eles e transmitirse o material de menores a través dos 'likes' ou 'Gústame', dos rechouchíos e dos comentarios, nalgunhas ocasións discretamente a través de contas "protexidas" -por empregar o termo que utiliza Twitter oficialmente-, é dicir, que ocultan a súa actividade limitando a súa visibilidade, e noutras de modo máis descarado, como se pode ver na imaxe á dereita destas liñas", explica Pena.

Música, arte, cinema e lecer

No apartado 'Andar e ver', o Colectivo Xea, da man de Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo, achéganos unha paraxe única na Mariña occidental, O Vicedo, e propón un percorrido de 22 quilómetros para coñecer o lugar.

Mario Regueira, na sección de 'Libros', analiza en "Poesía para o futuro" unha obra de Ernesto Guerra da Cal editada por Através en 2021, Antologia da poesia em galego, mentres Manuel Barreiro fala no espazo de banda deseñada de Nós seis, a primeira obra da coruñesa Julia Lago.

No eido da música, Fernando Montenegro debulla o disco Sítio, da artista Cíntia, que define como "ese lugar onde hai que situarse a contemplar o rodopío que nos rodea sen perder a conciencia de si mesmo". Aliás, o músico Jasper analiza en "Vaia fantasía" o paso das Tanxugueiras polo Festival de Benidorm.

Andrés Castro fala de A canella das almas perdidas na sección de cinema, a última obra audiovisual de Guillermo del Toro, ao tempo que Pepe Barro analiza as "Marcas de Compostela" no apartado de deseño.

Finalmente, no eido da arquitectura Lázaro Armental fala de urbanismo e inclusión en "Menos reixas, máis cidade", e os pasatempos, como vén sendo habitual, corren a conta de Xoán Costa e Xerardo R. Roca.

Comentarios