Obra mestra do modernismo literario

'A señora Dalloway' de Virginia Woolf, en galego

A señora Dalloway é unha peza fundamental do modernismo literario. Publicada por vez primeira en 1925, prodixio técnico da narrativa, esta historia dun día en que Virginia Woolf cruza os destinos de Clarissa Dalloway e Septimus Warren Smith non existía en galego. A editorial Irmás Cartoné acaba de corrixir a eiva da man de Celia Recarey Rendo.
 

Virginia Woolf 1927
photo_camera A escritora Virginia Woolf en 1927. Foto: cedida.

Obra de azares e simultaneidades, nela emerxen as preocupacións de Woolf (Londres, 1882 – Sussex, 1941) pola emancipación feminina. A influencia cinematográfica, como practicamente en calquera libro de literatura avanzada da época, marca os seus procedementos estilísticos. “Polo ambicioso xeito de narrar da súa autora, as súas innovacións técnicas e a elección dunha protagonista”, indica a editorial, “A señora Dalloway cambiou a novelística mundial desde a súa aparición”.

A trama transcorre en Londres nun día de xuño, igual que o Ulises sucede outro día do mesmo mes -o 16- pero en Dublín. Non por acaso houbo certa crítica que considerou A señora Dalloway a resposta de Virginia Woolf ao desafío literario formulado por James Joyce. O rastro da Grande Guerra, a paisaxe londinense nos anos vinte e unha perspectiva psicolóxica dos personaxes son outros dos elementos que respiran nun libro decisivo, revolucionario.

a señora dalloway - cuberta

A sorte de Woolf en galego


Celia Recarey Rendo encargouse da versión galega. Catro anos antes fixera o propio para a mesma Irmás Cartoné con outro título capital de Virginia Woolf, Orlando, orixinal de 1928. A sorte da autora inglesa en galego é abondosa.

En 1993, Manuela Palacios e Xavier Castro publicaron na desaparecida Sotelo Blanco a súa tradución de Cara ó faro (1927). A mesma editora sacou, en 2005,un dos ensaios máis emblemáticos de Woolf e, por extensión, do feminismo do século XX: Un Cuarto de seu. Traduciuno Iria Sobrino.

As ondas (1931) apareceu en galego en 2004, na editorial Galaxia e con tradución de María Cuquejo. En en 2006, Ir Irindo xuntou cinco relatos -Retrato dunha londinense, A marca na parede, Kew Gardens, Unha novela non escrita e A muller no espello: un reflexo- no volume colectivo De espellos, trens e outros velenos, que incluía tamén traballos de D. H. Lawrence e Katherine Mansfield. Da versión galega ocupouse Begoña R. Outeiro.

Arredor de Virginia Woolf compilou Belén Fortes doce ensaios obra de Camiño Noia, Helena González, Luísa Villalta, Inma López Silva, Manuela Palacios, Celia Armas, María Xosé Porteiro, Pilar García Negro, Margarita Ledo, Marilar Aleixandre, Ana Romaní e María do Cebreiro. Denominouse Escrita e mulleres e colocouno nas librarías Sotelo Banco en 2003.

Nota: cuberta da edición galega da Señora Dalloway.

Comentarios