Seis dos oito proxectos das Residencias Mariñán de 2025 xa están en marcha

Abril, Sergio Marey ou Blanca Trigo entre as artistas seleccionadas-
Natividade González, no centro, rodeada das artistas residentes en Mariñán. (Foto: Cris Andina)
Natividade González, no centro, rodeada das artistas residentes en Mariñán. (Foto: Cris Andina)

Seis dos oito proxectos seleccionados nas Residencias Artísticas Mariñán 2025 están en marcha. A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, estivo cos autores Blanca Trigo e Sergio Marey da modalidade de literatura, e Paula Sanmartín e María Bella da modalidade de pensamento; e cos músicos Abril e Incra.

As Residencias Artísticas Mariñán son, para a deputada, "un piar fundamental da programación do departamento de Cultura da Deputación, exemplo das políticas de apoio á creación cultural en toda a Galiza. O talento que se reuniu aquí é excepcional, e estou segura de que os proxectos que xurdan desta residencia terán un grande impacto no panorama cultural galego". E puxo de exemplo a montaxe teatral Iribarne, de ButacaZero, que participou nas Residencias en 2022 e vén de ser a gran triunfadora dos premios María Casares con nove galardóns que se suman a unha excelente traxectoria desde a súa estrea a finais de 2023.

Desde o 31 de marzo, ata o 11 de abril, están no Pazo de Mariñán a desenvolver os seus proxectos Blanca Trigo (coa proposta Mandrágora) e Sergio Marey (Camiños do desexo), na modalidade de literatura, e Paula Sanmartín (Coro priscilianista) e María Bella (O amor ao territorio), na modalidade de pensamento.

Compartiron espazo, entre o 31 de marzo e o 5 de abril, cos e coas residentes da primeira quenda da modalidade de música, Nanu (Creación de percusión para EP) e Ailén Kendelman (Unha señora orquestra); e tamén cadrarán no Pazo, do 6 ao 11 deste mes, cos e coas participantes na segunda quenda, Abril (Investigación e creatividades para disco) e Incra (Ronco: disección anatómica da gaita). 

Comentarios