Cultura da Deputación da Coruña selecciona os oito proxectos das Residencias Artísticas Mariñán 2025

Na modalidade de literatura compartirán espazo, recursos e experiencias Blanca Trigo (coa proposta Mandrágora) e Sergio Marey (Camiños do desexo), e na de pensamento, Paula Sanmartín (Coro priscilianista) e María Bella (O amor ao territorio).
O xurado das Residencias Artísticas Mariñán de literatura e pensamento. (Foto: Nós Diario)
O xurado das Residencias Artísticas Mariñán de literatura e pensamento. (Foto: Nós Diario)

Xa se coñecen os oito proxectos que se desenvolverán nas Residencias Artísticas Mariñán 2025, convocadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Entre o 31 de marzo e o 11 de abril, compartirán espazo, recursos e experiencias Blanca Trigo (coa proposta Mandrágora) e Sergio Marey (Camiños do desexo), na modalidade de literatura, e Paula Sanmartín (Coro priscilianista) e María Bella (O amor ao territorio), na modalidade de pensamento.

As residencias de música -do 31 de marzo ao 5 de abril, as dúas primeiras propostas, e do 6 ao 11 de abril, as outras dúas- corresponderanlle a Ailén Kendelman (Unha señora orquestra), Abril (Investigación e creatividades para disco), Nanu (Creación de percusión para EP) e Incra (Ronco: disección anatómica da gaita).

A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu os xurados que seleccionaron os proxectos e destacou "a calidade das propostas presentadas", un total de 29. Formaron o comité avaliador das residencias de literatura e pensamento -que teñen como comisario a Roberto Abuín- Sica Romero, Xosé Ricardo e Nieves Neira Roca; e o das residencias de música -das que é comisaria Aitana Cuétara- Noel Feáns, Beatriz Fontán e Carles Sala. Nas dúas reunións dos xurados actuou como secretaria, Manuela Lorenzo, xefa da Sección de Educación e Cultura da Deputación.

"Para nós, como administración", explica Natividade González, "é unha obriga apoiar este tipo de proxectos xa non únicos, senón tan necesarios, e darlles ás creadoras e ós creadores todas as facilidades e recursos para que leven a cabo un traballo que logo nos devolven con propostas de indiscutíbel calidade e das que tanto gozamos". 

Segundo a deputada, "a estadía no Pazo de Mariñán permítelles a todas e todos os participantes avanzar nos proxectos cunha perspectiva que é difícil adoptar fóra deste espazo en común, sen o acompañamento e a formación que lles proporcionamos para que, ademais, a súa obra chegue nas mellores condicións de recepción ao público e aos circuítos culturais".

"A experiencia en Mariñán é enriquecedora para músicos e músicas, autores e autoras", engadiu, "sempre nun ambiente de convivencia que propicia sinerxías que facilitan os procesos de creación e contribúe á calidade dos resultados”.

Comentarios