Sara Nebra: "O grupo Nebra nace xusto no confinamento, cando comecei a experimentar musicalmente na casa"

O baixista Ángel Boquete, a cantante Sara Nebra e o batería Ro Muñoz, forman o grupo Nebra (Foto: Iván Mouronte)
A banda de fusión Nebra saca o seu primeiro disco: Sereas.  Sons de electrónica, baixo eléctrico e percusión acompañan melodías inspiradas na música tradicional galega, especialmente na estrutura das cantigas tradicionais das cantareiras. Nós Diario conversa con Sara Nebra sobre este proxecto. 

Como naceu Nebra?

Nebra naceu xusto no confinamento cando comecei a experimentar na casa. Collín cantigas tradicionais que coñecía e logo púxenme a compor. Foi así de sinxelo. Despois, cando nos desconfinaron, xunteime co batería, Ro, tendo en conta que ao baixista, Ángel, xa o tiña na casa. Continuamos experimentando os tres e o primeiro concerto que realizamos foi cun par de cancións en decembro de 2020 dentro do Proxecto Lorca, unha iniciativa da Deputación de Lugo e a USC para traballar musicalmente os poemas en galego do poeta andaluz Federico García Lorca. Vimos que a idea gustara e comezamos a ter actuacións. 

Tivera experiencia con eses músicos?

A Ángel coñézoo moito aínda que nunca tocaramos xuntos. Con Ro coincido por traballar na mesma escola de música e coincidimos en varios proxectos. 

Nebra é algo diferente a outras formacións nas que participou. Cal é a razón deste cambio?

Os tres temos traxectorias moi diferentes. Eu estiven en grupos de rock e soul mais os meus inicios foron na música tradicional, primeiro de nena e logo na adolescencia estiven en asociacións. Despois estudei canto lírico e dirixín un coro. Nunca fixera algo tan experimental como Nebra. 

Eu estiven en grupos de rock e soul mais os meus inicios foron na música tradicional

Ángel ten experiencia en grupos de metal e achégalle iso. No caso de Ro acontece o mesmo. Aos tres gústanos a experimentación, e Ro fai cousas con Nebra que non pode facer con outras formacións.  

Como é de difícil musicar a Federico García Lorca?

Escollín, dentro dos seis poemas que ten en galego, Danza da lúa. Pareceume moi musical e veume a melodía e a harmonía ao mesmo tempo. Fixen unha progresión de acordes cunha melodía e despois xunteime co baixista e o batería para facerlle a estrutura. Foi bastante orgánico, a verdade. Ás veces si que é difícil musicar poesía por ter un ritmo complexo mais neste caso foi moi doado.

Nas letras deste primeiro traballo aparecen temas como incendios, feminismo e saúde mental. Forman parte de experiencias persoais ou de inquedanzas?

Un pouco de todo. Por exemplo a canción de Xoias de auga tivo dúas versións, unha coa banda e outra que está no disco anterior con outro arranxo. Fala dos incendios dunha forma un pouco singular. Trata a chuvia como unha especie de deusa. A ecoloxía en xeral e os incendios en particular, é algo que me toca moito. 

Outros temas, como  o de Meniña, fala máis abertamente do que significa nacer nena en determinados países. Son asuntos que a min me afectan de maneira natural. As letras que escribo non veñen soas, xorden ao mesmo tempo que a música e hai algún tema no que me sinto máis exposta.       

Nótase a influenza tradicional. 

As cantigas tradicionais son algo que levei desde pequena e teño moi interiorizado. As formas da música medieval galega e as súas harmonías gústanme moito, o mesmo que a música sacra e coral. Ese tipo de estruturas son máis marcadas e facilitáronme o traballo.  

As cantigas tradicionais son algo que levei desde pequena

Estamos vivindo na Galiza outro boom neste sentido? 

Na música hai que ser moi abertos e o que aconteceu con Tanxugueiras fixo visualizar algo que moita xente non sabe que existe. 

É importante o traballo que realizan as asociacións e unha formación que non é regrada mais que no día de mañá significará unha moi boa base. A nivel rítmico e vocal a música galega é brutal. É certo que o tradicional engancha e hai quen segue ese camiño. Outras optamos por experimentar. Xa o fixeron antes tamén na música galega Mercedes Peón e Xisco Feijoó.