Uxía Senlle e Javier Ruibal: "En tempos tan belicistas, poetas como Rosalía de Castro e García Lorca tenden pontes"

De tu casa a la mía, a homenaxe musical que realizaron a Rosalía de Castro e Federico García Lorca a galega Uxía e o andaluz Javier Ruibal, preséntase este sábado en Compostela. Da admiración mutua entre ambos os artistas e o seu amor pola poesía naceu un traballo intimista en contacto directo coa tradición popular. Nós Diario conversa con ambos entre ensaio e ensaio sobre o proceso de creación e a mensaxe que queren transmitir ao público.  
A complicidade marcou este traballo entre Uxía Senlle e o cantautor andaluz Javier Ruibal. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A complicidade marcou este traballo entre Uxía Senlle e o cantautor andaluz Javier Ruibal. (Foto: Nós Diario).

Cal foi a razón de coincidir na idea de homenaxear a Rosalía e Federico e como se concibiu este traballo?

Javier Ruibal: Foi nun concerto en Compostela con Marcos Teira. O tempo levounos a confluír. Para un andaluz e unha galega vencellados á súa cultura cantar a Rosalía e a Federico era lóxico.

Uxía: Pola nosa compenetración era importante concibir algo xuntos. O gusto pola poesía, polas fontes populares e a raíz da nosa música.

E como se materializou co seu punto de complexidade?

J.R.: As cancións sempre son un milagre. Cando contas cun gran poema queres que o milagre sexa dobre por ser grandes poemas. Ocorre así. Cando ves que un poema cantado semella que se fixo ao mesmo tempo é unha boa canción. Sempre agardamos que baixe dalgún lado iso que chamamos inspiración. Fíxose co obxectivo de que non fose cunha música en exceso contemporánea nin tradicional, buscar a atemporalidade. En todo caso, non renunciamos á nosa sonoridade, non hai electrificación e todo é acústico.

 As cancións sempre son un milagre

U.: Hai algo importante que é moita emoción no que fixemos. Rosalía e Lorca están moi presentes, sentímolos moi perto. Emocionámonos no proceso de gravación e agora tamén. Foi indispensábel a colaboración dos músicos Sergio Tannus, Marcos Teira e Javier Ibáñez. Fixo que fora un disco moi especial.

Non é a primeira vez que se musican poemas de Rosalía e Federico. Que teñen para que sexa tan atractiva a súa obra para a música? 

J.R: Rosalía e Federico estaban pendentes da contorna, non eran poetas de salón, nin se sentían a si mesmos grandes figuras. Sentían vocación de pobo. Querían ser pobo. Todo o que reivindican está no máis esencial. Ese impulso coincide co noso. Tamén tivemos en conta non semellarnos a ningún dos músicos que se achegaron a estes poemas. É moi tentador e moi perigoso facer algo que xa está feito. Procuramos facer algo o máis persoal posíbel e co máximo respecto á obra de ambos os poetas.

U.: É certo que Rosalía e Lorca tiñan vínculos coa música tamén. Rosalía tocaba a arpa e o piano e Lorca tamén. Hai unha musicalidade intrínseca nos seus poemas. Creo que son os poetas queridos e universais máis representativos das nosas culturas.

Rosalía e Lorca están moi presentes, sentímolos moi perto

Coñécese a obra en galego de García Lorca fóra da Galiza?

J.R.: En Andalucía, realmente, non son moi coñecidos. Case sempre hai tanto que falar de García Lorca que non se para en algo tan específico. Sábese. Quen coñece a Lorca e o aprecia sábeo. Pode que se sorprenda unha parte do meu público non só polos poemas senón tamén por escoitarme cantar en galego. Unha das funcións que ten o disco é tender pontes. Na peza Cantares de amor, por exemplo, quedou como unha rumba tenra e sincera. Todo fluíu dunha maneira sincera e sen prexuízos. O traballo final ten moito de instinto e emoción. Con todo o que está acontecendo de reaccionario de atacar o diferente, a xenofobia e a antipatía que axexa convén sacar símbolos que tezan complicidades entre o norte e o sur. 

U.: En tempos tan belicistas, poetas como Rosalía de Castro e García Lorca tenden pontes. Para nós este disco é moi simbólico.  

Como serán as actuacións en directo?

U.: Reproduciremos o disco cunha escenografía que é o propio obxecto do traballo deseñado por Pablo Giráldez. Estaremos cos músicos que gravaron o disco aínda que sen Javier Ruibal e con Quiné, músico de Portugal, que nos acompaña moitas veces. Será a festa do encontro da poesía, da vida e da irmandade entre norte e sur. 

Comentarios