Santiago Pérez: "Renego da visión do patrimonio no pasado. É importante polo presente, por estar vivo"

Santiago Pérez Carrera marchou de Mondariz cando tiña 19 anos para estudar Arte Dramática ao non ter a posibilidade de facela na Galiza. Instalouse en Madrid e mantén unha relación estreita con ese municipio do Condado onde reside a súa familia. Conta cunha produtora propia, EscénaTe, con once espectáculos activos na actualidade de teatro e danza. A finais do mes de xullo estreará un documental, actualmente en fase avanzada de postproducción, sobre a cestaría na 32ª edición da Feira de Oficios Artesáns de Mondariz.
O produtor Santiago Pérez Carrera estreará en xullo un documental sobre a cestaría en Mondariz (Nós Diario).
photo_camera O produtor Santiago Pérez Carrera estreará en xullo un documental sobre a cestaría en Mondariz (Nós Diario).

-Que é o máis difícil da súa profesión de produtor?

O máis difícil é que tes que ter en conta absolutamente todo. Moitas veces pénsase que só poñemos ou buscamos o diñeiro mais é moito máis. Hai unha parte creativa moi interesante. Somos facilitadores. Temos que conseguir o equipo, controlar o orzamento, saber o que quere o cliente,... está en todas as facetas de coordinación e creación do traballo.

-E facelo en Madrid?

É duro. No mundo artístico tes que buscarte o traballo e en máis dunha ocasión inventar os proxectos. Pensalos, idealos e buscar quen chos merque. Vivo en Madrid mais móvome por todo o Estado español. Fíxenme un oco relacionado coas artes escénicas dentro do patrimonio. A miña produtora é teatral mais usamos a arte para contar o patrimonio. Neste sentido traballei en moitos lugares como museos, bibliotecas ou murallas relacionadas co patrimonio. Hai 25 anos inventamos as visitas teatralizadas, que naceron nun castelo e que agora son moi populares.

-Como naceu a idea de facer un documental sobre as e os artesáns cesteiros de Mondariz?

Desta mesma relación co patrimonio. A arte para contar o patrimonio. No caso dos cesteiros levaba tempo coa idea. Aproveitamos agora que conseguimos o apoio económico. Quixemos contar como eran, unha profesión máis ou menos liberal moi masculinizada. Permitía, ademais de traballar no campo, ter un oficio extra que achegaba un rendemento nas familias. Había moitos en Mondariz e moi particulares, pois empregaban láminas de madeira de castiñeiro. Viaxaban moito. Achegábanse ao Ribeiro para facer os cestos para a vendima e tamén cara ao mar para facer as patelas para o peixe. 

Tiñan que quedar en casa alleas para facerlles cestos, o único que existía para transportar até que chegou o plástico. Utilizaban unha xerga propia que lles daba unha identidade e protexía o seu propio oficio. 

Recollemos co documental todo este patrimonio que está perdéndose. En Mondariz non quedan e hai un en Sanxenxo, Enrique Táboas, fillo e neto dunha familia de cesteiros de Mondariz. Gustaríame que esta obra fose un primeiro paso para que a cestaría volva ter certo protagonismo.    

-Busca a recuperación do patrimonio fuxindo da idea de que é pasado? 

Renego da visión de que o patrimonio só é importante polo que é pasado. É importante polo presente, por estar vivo agora e é a visión que lle quixen dar ao documental. Ten que ter visos de futuro. Busco unha reflexión sobre a cestaría de hoxe e o seu futuro. Por ese motivo tamén intervén a cesteira contemporánea Idoia Cuesta, unha muller que está renovando o oficio. Desde logo é unha homenaxe a estas persoas que o mantiveron e máis alá diso quero que sexa un documental que olle cara ao futuro. Creo que esta é a mellor maneira de entender o patrimonio.

-Que percorrido terá o documental máis alá da estrea en Mondariz? 

Levarémolo por varias localidades galegas e gustaríanos, polo seu valor, que tivese o máximo percorrido posíbel. Quixemos facer unha obra digna e por ese motivo contamos co director Fon Cortizo, autor da premiada longametraxe 9 Fugas, e o guionista Alexandre Cancelo. En todo caso quedará como un documento moi interesante polo seu contido, con entrevistas a familiares directos e moi vinculada á cestaría de Mondariz.

Comentarios