Santiago, de peregrino a mata mouros

Na Galiza hai perto de 250 parroquias baixo a advocación de Santiago, moitas  no propio Camiño. Nunha boa parte a iconografía predominante é o Santiago mata mouros en vez do Santiago peregrino.  

Santiago. Pazo de Raxoi
photo_camera Santiago. Palacio de Raxoi

As persoas que hoxe vemos facendo o camiño de Santiago non adoitan vestir uniformemente, embora as multinacionais da moda pouca diversidade ofrezan. Mais no pasado, o peregrino tiña unha vestimenta que o identificaba e que poderíamos cualificar como estándar, con elementos que permaneceron ao longo dos séculos. Entre eles a túnica, o bordón, a alforxa ou as cunchas de vieira. O bordón e a alforxa eran imprescindíbeis e mesmo, tal como nos informa Xesús Carro, podían, e debían,  ser abenzoados na igrexa de partida coa fórmula: “No nome de Noso Señor Xesucristo recibe este bordón ou bágoo, sostén da viaxe, pra camiño da tua pelengrinaxe, a fin de que poidas chegar ao Santuario de Santiago e voltar contente e satisfeito”. 

É con estes atributos que se representa a iconografía do peregrino. E tamén así se representa o propio apóstolo, como un peregrino. Elena Carvajal, nun traballo intitulado Santiago peregrino, dinos: A diferencia del Santiago apóstol, que suele aparecer descalzo y con túnica larga, el tipo iconográfico del santo peregrino se caracteriza por mostrarlo convenientemente calzado, frecuentemente con túnica corta que permite una marcha más cómoda, portando zurrón o escarcela y bordón, y tocado con un sombrero decorado con la habitual concha, símbolo de la peregrinación a Compostela”. E así aparece, por exemplo, na iconografía do mosteiro de Silos. 

nove_fontes

De todos os elementos caracterizadores destaca a vieira, presente xa no século XI, segundo podemos ler no Liber Sancti Iacobi que menciona como se vende na fachada norte da catedral: "...hai uns mariscos no mar próximo a Santiago, aos que o vulgo chama vieiras (...) e ao regresar os peregrinos do santuario de Santiago préndenas das capas en lembranza de tan longa viaxe”, é símbolo que máis chega a hoxe, embora  como símbolo da peregrinación a Compostela entrar tardiamente na iconografía.  

Mata mouros ou mata indios, tanto dá 

Para entender correctamente a iconografía do Santiago peregrino é preciso ter presente o tópico do “Homo Viator”, esa imaxe que recolle a idea da vida como un camiño, como unha peregrinación. Pasada a idade media esa concepción do “Homo Viator” xa non interesa, son outros os valores-  e a monarquía española, sabedora do inmenso poder mediático de Compostela, aproveita para o utilizar en beneficio propio. Felipe II envía a Compostela Ambrosio Morales co obxectivo de inventariar reliquias de santos e fixarse especialmente no apóstolo. E é tamén Felipe II quen descobre que para os novos tempos que el administra xa non vale a figura do Homo Viator que vai ser substituída polo Santiago mata mouros, daquela xa mata indios, pois estamos en pleno proceso de colonización e exterminio en América. Daí a pragmática que emite desde o Escorial, a 13 de xuño de 1590, que prohibe o traxe tradicional do peregrino:   

“A treze dias de Junio de mil quinientos y noventa años, en el cual, por cuanto por experiencia se ha visto y entendido que muchos hombres, assi naturales destos Reynos como de fuera dellos, andan vagando sin querer trabajar ni ocuparse de manera que puedan remediar, su necesidad, sirviendo o haciendo otros oficios y ejercicios necesarios en la república, con que se puedan sustentar; y andan hurtando, robando y haciendo otros delitos y excesos en gran daño de nuestros súbditos y naturales, y para poder hacer con más libertad lo susodicho, fingen que van de romería a algunas casas de devoción, diciendo averlo prometido, y se visten y ponen hábitos de romeros y peregrinos, de esclavinas y sacos de sayal, y otros paños de diversos colores y sombreros grandes con insignias y bordones por manera que con esto engañan a los justicias, los cuales viéndolos assí passar con semejantes hábitos, los dexan passar libremente creyendo son verdaderamente romeros y peregrinos, prohíbese "que aquí adelante ningua persoana destos Reynos, de cualquier calidad que sea, no pueda traer el dicho abito de romero y peregrino, aunque sea con ocasión de efeto verdadero de ir a algunha romería destos nustros Reynos y fuera dellos, sino que cualquier persona que quisiese ir a alguna romería, vaya en el abito ordinario que tuviere y suele y acostumbra a llevar por los que andan de camino"

Despois desta norma, e outras que seguiron, xa nos comezos do século XVII, o Santiago peregrino foi desaparecendo de retábulos e altares, trocado polo Santiago mata mouros. Desaparecendo dos altares e comezando a aparecer en edificios públicos. Permaneceu en moitos frisos, como no convento de San Marcos en León. Desde 1630 Santiago é oficialmente patrón de España. Sen ninguén que lle faga sombra. Nin San Millán nin Santa Teresa.  

A iconografía militarista desenvólvese parella á España imperial de Carlos V e continúa cos seus sucesores

A iconografía militarista desenvólvese parella á España imperial de Carlos V e continúa cos seus sucesores. En 1541 decora, Carlos V o sobrepeto da súa armadura no ataque a Arxel cunha imaxe de mata mouros. A afirmación do poder imperial en territorios mediterráneos como Sicilia e a colonización de América, onde Santiago se transforma en mata indios, acaban por consolidar esta imaxe. O Barroco elimina a figura do peregrino en favor do mata mouros. 

A transformación total dáse na Praza do Obradoiro. Á catedral chegan millares de persoas dando vida ao Homo Viator medieval mais agora con outras motivacións; na fachada da Catedral, na parte do Obradoiro, temos un Santiago vestido coas roupas de apóstolo, de predicador e con algo de peregrino; na fachada de Raxoi, enfronte, un Santiago mata mouros, castigando sen piedade, nunha man a espada e noutra a cruz. Claro que este edificio foi concibido para ser seminario para confesores e encargado polo mesmísimo bispo Bartolomé Rajoy. Presidido este inmenso confesionario por un Santiago mata mouros xa podemos imaxinar como serían as penitencias administradas por estes confesores. 

Resulta curioso como en boa parte das case 250 parroquias galegas que renden culto a Santiago como patrón, a grande maioría, en retablos e altares, opte polo Santiago mata mouros para, cada 25 de xullo saír en procesión e render culto ao guerreiro celeste. 

Podemos aducir razóns de todo tipo mais eu opto por considerar, abramos portas á imaxinación, que o pobo galego lembra aqueles anos pasados en que Galiza era, en torno a Compostela, núcleo de poder e dona dos seus destinos. Daí a a pergunta que xorde: será que, mantendo na memoria o período de esplendor pasado, a xente ve en tal xinete un posíbel liberador da opresión centralista?  

Será. Teñamos en conta que a primeira vez que Santiago aparece a cabalo non mata mouros mais cristiáns traidores ao arcebispo Berenguel de Landoria, a quen se dedica unha torre na catedral: a Berenguela.

Nota: A foto que vai no corpo do texto é do interior da igrexa de Novefontes, en Touro.

Comentarios