Sandra Pérez, percusionista de Néboa: "O álbum trata situacións relacionadas con conflitos que todos temos"

O grupo Néboa vén de gañar o Premio MIN na categoría de mellor álbum en galego, xunto a Guadi Galego e Xosé Lois Romero & Aliboria. A súa percusionista, Sandra Pérez, revela a 'Nós Diario' a orixe do grupo, que música as inspira e sobre que trata o seu último traballo, baixo o título 'A realidade enganosa'.
As integrantes de Néboa. (Foto: cedida)
photo_camera As integrantes de Néboa. (Foto: cedida)

—Sandra Pérez é unha das integrantes de Néboa, grupo que vén de gañar un galardón nos Premios da Música Independente na categoría de mellor álbum en galego. En que momento xorde a idea de crear este grupo e por que o nome de Néboa? 
Hai dez anos, aínda que eu entrei no grupo máis tarde, uns amigos e amigas ás que lles gusta a música xúntanse para tocar e pasalo ben.
É gracioso porque existen vídeos nos que saímos facendo versións algo cutres da música que escoitábamos nese momento. 
O grupo foi evolucionando, facendo os seus temas, explorando outra música e tamén cambiando de compoñentes, até chegar ao día de hoxe.
O nome desta banda xorde unha mañá. Aloia decidiu bautizarnos como Néboa, inspirada pola brétema que lle entra pola ría de Arousa. Desde aquela utilizamos este termo para darlle nome ao noso traballo. 
—De quen se compón actualmente Néboa? Fálenos un pouco das integrantes.
Aloia López Ferro é a característica voz de Néboa. Integrante desde as orixes xunto con Lucas e Tomás. Ferro herdou do seu pai o gusto pola música e tocou varios anos na Banda de Música da súa localidade, Catoira. Actualmente, exerce de avogada medioambiental.
Lucas Martínez Suárez De Centi, tamén de Catoira, é a mente pensante do grupo, o que compón a maioría dos temas e o que toca batería, vibráfono e sintetizadores. 
Na adolescencia comezou a interesarse polo pop e jazz, estudou Audiovisuais en Compostela e vibráfono na Escola Superior de Música de Lisboa. Actualmente é profesor en varias escolas de música e toca en diversos proxectos como Sinestesia, Mocho Gris ou Sabela King & The Heartbreakers.
Jacobo García Lafuente toca o baixo eléctrico e sintetizador e aconsella a banda en pragmatismo. Tamén músico en Radio Zapa! e Sinestesia. Actualmente Jacobo serve os mellores viños no Mercado de Santiago.
Tomás Porteiro Abuín é profesor de Economía e encárgase da guitarra, coros e sintetizador. Vén da esfera musical compostelá, tocando en grupos como Sinestesia, The Fabulous Resaca Brothers e tamén a solo.
E eu, Sandra Pérez Míguez, toco a percusión e algún sintetizador. Na miña vila, Tui, aprendín a bailar e tocar muiñeiras, máis tarde estudei percusión clásica en Lisboa. Actualmente son profesora en varias escolas de música e toco en varios proxectos.

—Como define o estilo musical do grupo? Que as inspira para compoñer? 
Somos bastante heteroxéneos pero, en esencia, facemos pop. Partimos das ideas frescas coas que De Centi nos "bombardea". Comezamos a traballar os temas nos ensaios con achegas de todas as integrantes, pero case sempre seguindo esa liña marcada por el.

—Comenta que son un grupo heteroxéneo. Que diversidade de música escoita a banda? 
Escoitamos de todo, realmente. Desde James Blake, Radiohead, Björk, Raül Refree, Los Piratas e Xabier Díaz, entre outras moitas.
E, ultimamente, escoitamos moito J. S. Bach!

—O seu disco A realidade enganosa saíu a luz en pleno ano do confinamento pola pandemia causada pola Covid-19. Como lles afectou coa promoción do traballo?
Dilatou o proceso moito máis do que tiñamos pensado pero afortunadamente, neste atraso, Raso Estudio interesouse por nós e a publicación fixémola baixo o seu selo discográfico.
Por outro lado, trabáronse as posibilidade de facer concertos para presentar o disco, cousa que estamos tentando retomar este 2021.

—Que buscan transmitir con este traballo. Cal era a súa intención con este disco? 
O álbum trata situacións boas e malas, pequenos conflitos que todos temos: medos, dúbidas, paixón... Expresado todo ao noso xeito.
 Buscamos unha evolución con respecto ao EP “Antes da Tormenta” e estamos contentas co resultado. O resumo está no título do traballo, A realidade enganosa. Cada un que reflexione e que saque conclusións, para iso está feito.

—Están a compoñer novos temas? Como vai ser o verán?
É literal cando digo que Lucas nos bombardea con ideas novas! Si, estamos traballando temas novos para xuntalos aos do álbum de cara aos concertos e a un futuro novo traballo, quen sabe.
Respecto ao dos concertos deste verán, temos algunha cousa fechada que anunciaremos en breve, pero polo de agora non podo adiantar nada. O que si che podo dicir é que temos moitas ganas de tocar! Hai unhas semanas estivemos no UKP Day de Ribadavia tocando por primeira vez desde a publicación do álbum e foi máxico. 

—Xunto a traballos de grandes referentes galegos como Guadi Galego, con Costuras, e Xosé Lois Romero & Aliboria, con Latexo, Néboa gaña o premio MIN por mellor álbum en galego, A realidade enganosa. Que sentiron cando llo comunicaron e que supón para vostedes este galardón?
O primeiro que sentimos foi que a catedral de Burgos, onde se celebrou a gala, é preciosa e, por suposto, unha tremenda alegría saber que a viaxe non foi en van. En realidade estamos contentísimas e esperamos que este premio nos axude a mover o proxecto cada vez máis.

Comentarios