Ribadeo con mirada “zen”


A cada pouco, Mariola López fotografaba a ría do seu Ribadeo natal no que se instalara por tres meses ao nacer a súa filla. Despois de vinte anos vivindo en Ámsterdam regrea as súas orixes e publica con esas imaxes “Ribadeo ao Norte”, un libro que s epresenta o día 22 na Fábrica das Algas de Vilavella, un espazo recuperado para a cultura.


Cando a súa filla tiña pouco máis de un mes, Mariola López regresa ao seu Ribadeo natal desde a cidade de Ámsterdam na que leva vivindo arredor de vinte anos e instálase por tres meses nun apartamento que mira á ría. Alí, nese tempo de paz e felicidade que marca na súa memoria, retrata continuamente a mesma vista, as distintas luces do inverno da ría, cando os veraneantes xa marcharon coa última quentura do sol e a paisaxe se mostra serena, acougante.

Cando, despois dese intervalo apacíbel e gozoso, Mariola regresou a Ámsterdam, reparou nas imaxes. Descubriu que eran todas a mesma pero aquela luz dáballe ás fotografías diferencias serenas que apreixaban o tempo no seu conxunto. “Esa parte da ría retratada en todas elas dábame idea dun soño e decidín que quería facer un libro con elas” comenta Mariola López que analiza o proxecto como unha iniciativa persoal pero tamén como promoción do seu lugar de orixe, dun Ribadeo de inverno que a ela a marabilla. O libro está publicado en seis idiomas, entre el o xaponés, e conta poder difundilo en librarías seleccionadas de varios países.

Se hai momentos que quedan para sempre gravados na memoria, para Mariola a súa estadía en Ribadeo é un deses. “Facía vinte anos que non estaba tanto tempo seguido e permitiume reflexionar sobre a felicidade e gozar da paz do inverno” comenta. O libro, como as súas sensacións, ten moito de poético pero tamén de filosofía zen. “En especial, na idea de vivir o momento, de paz, de non precisar case nada máis , de apelar á sensibilidade” explica Mariola mentres lembra que xa cando estaba vivindo eses meses en Ribadeo tivo a certeza de que nunca os esquecería.

Ademais das fotografías, o libro inclúe con planos e alzados que indican o lugar desde o que foron tomadas as imaxes e se recollen os nomes dos lugares retratados por Mariola desde a súa ventá. Co subtítulo “Mirando a ría como nunca antes”, o libro ofrece pictóricas fotografías que evocan as paisaxes da escola flamenca.

En Ámsterdam, Mariola López Mariño, (Ribadeo, 1967) dedícase ao deseño e a publicidade dirixindo a axencia Lopezlab e agora engade á súa iniciativa empresarial o selo editorial Balboa Books, cun nome que tamén evoca a parroquia de Ribadeo e o segundo nome da súa filla.

O libro Ribadeo ao Norte preséntase na Fábrica da salgas de Vilavella o día 22 de xullo ás 20.30 horas, inaugurando un espazo recuperado para a cultura e outras actividades sociais. A produción está patrocinada polo Concello de Ribadeo, a área de Cultura da Deputación de Lugo máis a Obra  Social de La Caixa.  

Comentarios