O 'Rías Baixas Film Festival' segue a onda do audiovisual

A Deputación de Pontevedra presentou a nova tempada da marca que reúne a oito festivais. Outro festival, o TerraCeo de Vigo, confirmou a actuación de Salvador Sobral, Abe Rábade e A Zowi. 
Presentación do 'Rías Baixas Film Festival' (Foto: Europa Press).
photo_camera Presentación do 'Rías Baixas Film Festival' (Foto: Europa Press).

O 'Rías Baixas Film Festival' presentou esta quinta feira a terceira tempada coas citas de Tui (Play Doc do 4 ao 8 de maio) e O Porriño (Festival de Cans do 18 ao 21 de maio), e reafirma a aposta pola industria audiovisual.

A marca aglutina, ademais, a XI Primavera do Cinema de Vigo (do 6 ao 11 de setembro); o XV FIC Bueu (do 11 ao 24 de setembro); o Galician Freaky Film Festival (23 e 24 de setembro e do 28 de setembro ao 1 de outubro); o VII Festival de Cinema Inclusivo de Vigo (do 18 ao 22 de outubro); o 50º Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía (do 21 ao 30 de outubro) e o VII Festival Novos Cinemas de Pontevedra (do 13 ao 18 de decembro). 

"O impacto do audiovisual galego é cada vez maior e conflúe con outras disciplinas, mais non é suficiente, hai que ser ambiciosos e chegar máis aló", afirmou no acto o director do FIC Bueu, Manuel Pena.

Mentres, a responsábel de programación do Festival Primavera  do Cinema, Ana  Gontad, animou a volver ás salas e aos festivais "despois de dous anos de pesadelo pandémico". 

Sobral, Abe Rábade e A Zowi no TerraCeo de Vigo 

O artista portugués Salvador Sobral, gañador de Eurovisión en 2017, xunto co pianista galego Abe Rábade e A Zowi únense á terceira edición do Festival TerraCeo de Vigo.

Segundo anunciaron os seus organizadores nun comunicado, Abe e Salvador conservan unha amizade forxada desde a admiración mutua, motivo que os animou a estar en Vigo o próximo 19 de agosto na terraza do auditorio Mar de Vigo xunto coa Zowi.

Esta actuación "reafirma" as dúas liñas de programación que terá este ano o Festival: por unha banda, internacionalización, e por outra, o aumento da presenza feminina, ademais de buscar estilos musicais variados.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios