O proxecto de vídeo titúlase 'Abe Rábade. Piano solo entre árbores'

Abe Rábade toca de noite e ao aire libre as súas composicións do confinamento

Abe Rábade. Piano solo entre árbores é o título do proxecto audiovisual que o pianista Abe Rábade interpreta nun bosque da parroquia de Asados, en Rianxo, e que consta das pezas que o músico compuxo durante o confinamento provocado pola Covid-19.
aberabade
photo_camera Fotograma do vídeo 'Abe Rábade. Piano solo entre árbores'. (Foto: Portal da Lingua)

Abe Rábade. Piano solo entre árbores presentouse na quinta feira, como resultado das composicións do músico Abe Rábade durante o confinamento e intégrase no Fondo Xacobeo 2021, e que se pode ver a través do Portal da Lingua.

Na peza audiovisual, gravada unha noite de novembro ao aire libre, Rábade interpreta catro composicións de jazz que, segundo explicou en rolda de prensa, foron ideadas e traballadas durante o confinamento.

Naquel momento no que “non se podía saír, dediqueime a traballar só, polo que o único que podía ofrecer a este proxecto eran solos", indicou o pianista e compositor de "Liberación", "Desexo", "Ham-Dam", "Improvisation" e "Freixo".

O concerto está precedido por unha entrevista breve co músico, onde reflexiona sobre a experiencia que supuxo para el gravar nun espazo tan singular como unha foresta "na que, ademais do silencio, unicamente se escoitaba o vento e as follas ao moverse", explica o artista. 

Abe Rábade tamén fala, neste documento previo ao concerto, da interpretación do jazz, en termos xerais, e do impacto do confinamento na sociedade.

Durante a presentación, o músico de jazz estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e pola representante de Miraxe Sociedade Corporativa, que se encargou da produción do evento, Rosa Salgado.

A produtora de Miraxe tamén se quixo referir, durante a súa intervención, á pandemia causada pola Covid-19 e ás súas consecuencias no mundo da cultura. Deste modo, Rosa Salgado xustificou a pertinencia do proxecto para "reivindicar os técnicos galegos" e como unha maneira para "activarse durante a pandemia mediante a participación nun proxecto que impulsa a cultura".

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quixo recoñecer na presentación do traballo a relevancia musical de Abe Rábade a nivel cultural así como o emprego da lingua en calquera manifestación artística.

"Non hai mellor forma de demostrar que a nosa lingua, tan apropiada para a expresión da cultura tradicional e autóctona, está aberta e é perfectamente válida tamén" destacou o secretario xeral. 

Comentarios