Regueira avoga pola inclusión da arte urbana nos circuítos culturais

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, fixo un percorrido, no marco da CM Málaga Cities & Museums International Trade Fair, pola evolución dos “museos a ceo aberto” resultantes de iniciativas como o Rexenera Fest de Carballo.

Xosé Regueira durante a súa intervención en Málaga.
photo_camera Xosé Regueira durante a súa intervención en Málaga.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, cualificou na mañá desta teza feira na CM Málaga Cities & Museums International Trade Fair as intervencións de arte urbana como “museos a ceo aberto”, nacidos ao abeiro da linguaxe e de prácticas artísticas contemporáneas “que xeran identidade, que conforman a memoria colectiva da veciñanza e que crean un sentimento de identificación en torno a estas pezas”.

Xosé Regueira, que baseou a súa exposición na evolución do Rexenera Fest de Carballo, aproveitou o seu relatorio para avogar pola consideración museística das obras e dos itinerarios que agrupan este tipo de pezas, para que sexan incluídos nos circuítos culturais do país. 

 

A Deputación participou na mesa redonda sobre a arte urbana como elemento transformador do espazo público, na que interviron a técnica de Turismo de Carballo, Maite Parga, e o artista urbano, Sockram, do estudio Mutante Creativo.

Nas súas interencións expuxeron como os festivais de arte urbana da provincia, e as intervencións resultantes, implican á veciñanza e como ésta asume e comparte o resultado final con orgullo. Tamén afondaron na súa faceta como intermediarios e ligazón entre os e as artistas urbanas e a tradición e a idiosincrasia local.

A CM Málaga Cities & Museums International Trade Fair pechou onte as portas da súa segunda edición, xornada na que quedou rematado o mural que os artistas de Mutante Creativo, Mou e Sokram, están realizando no centro social Félix Ariza. Un mural que achega á cidade malagueña unha interpretación contemporánea da tradición megalítica da Costa da Morte. 

Comentarios