Sokram: "O mural pon o foco na problemática que existe no Estado coa liberdade de expresión"

Unha obra contra a censura e a liberdade de expresión no Estado español, así é o mural Corrección política de Marcos Couso, 'Sokram'. O graffiti foi seleccionado entre as cen creacións máis populares da plataforma Street Art Cities e opta a mellor mural do mundo do 2021.
Marcos Couso 'Sokram' é integrante da banda Dios Ke Te Crew (Foto: Mou).
photo_camera Marcos Couso 'Sokram' é integrante da banda Dios Ke Te Crew (Foto: Mou).

Como recibiu esta nova?

É unha alegría e que te recoñezan sempre é algo positivo. Street Art Cities é unha plataforma que fai unha enquisa todos os meses ao seu público, e os seguidores e seguidoras seleccionan o que consideran o mellor de cada mes. En setembro, este mural foi finalista e acabou quedando terceiro. Agora fan unha compilación dos cen mellores, creo que fan unha escolma de oito finalistas de cada mes ou os máis valorados dentro desas cribas e fan esta final con eses cen murais, os seus seguidores volven votar.

Dalgunha maneira xa o sabía, non certamente, pero cando me avisaron decateime da dinámica.

Que mensaxe se agocha detrás do mural?

Alégrome de que seleccionen precisamente este mural, porque quere pór o foco na problemática que hai en España coa liberdade de expresión debido á Lei Mordaza, que aínda segue vixente. Tamén no modus operandi de certos tribunais que derivan do franquismo, como a Audiencia Nacional, e que seguen operando de maneira similar a como se facía anteriormente. Lembremos que hai xente na cadea como Pablo Hásel ou exiliada como Valtónyc simplemente por facer cancións e polas súas letras, sen ter cometido un delito. Ademais doutros rapeiros ou artistas que están procesados, á espera de recibir unha condena ou que xa foron castigados e penados, tanto no plano musical, que a min me toca porque tamén son rapeiro, como a nivel xeral.

Isto afecta a calquera ámbito de demostración artística e a calquera actividade. Polo feito de dicir a túa opinión tamén podes ser denunciado. Hai cousas que se están pedindo para cambiar en relación á Lei Mordaza, non soamente desde a sociedade ou desde diversos colectivos, senón que Amnistía Internacional, por exemplo, tamén o está denunciando. Estamos indefensos ante a xustiza en moitos aspectos con esta lei e así o demostran todos estes casos. Non é so a nivel artístico nin musical, senón a nivel civil. Que calquera de nós pode ser condenado sen contar con moita defensa posíbel.

Como é o proceso de creación dun mural destas características?

Cada artista traballa á súa maneira, ten o seu proceso e o seu método. No meu caso, fago primeiro o bosquexo. Normalmente xorde dunha idea en papel que logo paso a dixital, onde introduzo cores e fago as miñas probas con elas, así como montaxes sobre a foto do muro. Despois, xa no lugar, traslado esa imaxe ao muro. Habitualmente emprego algún tipo de guías no propio mural para logo montalo e encaixalo e manter as proporcións que quero. É importante ter unha guía porque no muro grande cando estás tocando a parede é complexo facer esas escalas, sobre todo levar a cabo esas proporcións cando fas anatomía. Adoito empregar entón esa especie de retículas. Logo, depende un pouco do deseño e do tamaño, pero neste caso levoume catro ou cinco días, traballando arreo.

De todos os murais que elaborou, cales destacaría?

Este precisamente é un dos meus favoritos pola mensaxe que ten, porque creo que é necesaria e, porque a nivel de estilo e de acabado, quedei bastante contento co resultado final. Sempre pode quedar mellor e ao final es máis crítico contigo mesmo que con ninguén, pero máis ou menos quedei a gusto. Dos últimos que fixen, ademais deste, destacaría un que realicei en Lugo que lle puxen o título de Chorar Murallas, que son uns lentes con cristais de ladrillos que semella que están chorando.

No eido musical, en que punto se atopa Dios Ke Te Crew?

Este ano non estivemos tocando. Decidimos parar e estamos acabando agora de gravar un EP que sairá nos vindeiros meses. Aínda están sen anunciar as datas de presentación, pero máis ou menos será en primavera e comezaremos a tocar.

Comentarios