CONTRACULTURA

Ramón Mariño: "O fanzine galego actual está especializado e compartimentado, mais ten un futuro aberto"

Ramón Mariño (Xove, 1972) é o autor de Fanzines en Galiza. Unha breve e intensa historia da autoedición galega, un libro publicado por Laiovento que busca recoller o percorrido deste tipo de obras na década de 1990 e comezos do século XXI.
Ramón Mariño é tamén investigador. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ramón Mariño é tamén investigador. (Foto: Nós Diario)

—De onde nace o seu interese polo fanzine galego?
O libro parte da miña tese doutoral, que abranguía os fanzines que saíron durante a época de Fraga, desde 1990 até 2005. Esta foi unha proposta dos meus directores e o certo é que tivo algunhas dificultades, porque nin en galego nin en español había suficiente material bibliográfico sobre o tema, cando menos que seguira os criterios científicos e rigorosos. Iso, en parte, xa me serviu de empurrón para comezar, centrándome nas publicacións anglosaxoas e entrevistando moitas persoas que estiveron implicadas en fanzines nas décadas de 1980, 1990 e comezos deste século. 

Hai moita xente que a día de hoxe segue pensando, erroneamente, que Galiza estivo illada das correntes culturais que tiñan lugar. Outra cousa é que tivesen máis ou menos incidencia. No que respecta ao fanzine, á creación de maneira libre ou incluso á creación underground, aínda que non me gusta demasiado o termo, na Galiza houbo xente moi creativa, moi traballadora e que deixou pegada, sendo aínda hoxe profesionais do deseño, a creación literaria ou o xornalismo. 

—Cales foron as dificultades á hora de recoller publicacións que están fóra do circuíto editorial?
É moi complexo, xa que utilicei a definición do investigador norteamericano Stephen Duncombe: un artefacto de expresión persoal, un produto afeccionado, realizado con materiais accesíbeis e distribuído de maneira gratuíta ou a moi baixo custo en comparación con outras publicacións. Todo iso fixo que a inmensa maioría dos fanzines tivesen unha circulación limitada e unha periodicidade irregular. O período de vida normalmente non pasaba de un ano ou dous. Para atopalos, o primeiro que tes que facer é recorrer a diversas fontes.

Eu coñecía xente que estivera no mundo da okupación ou que difundira o seu fanzine nun sitio concreto. A partir de aí fun tirando do fío e atopando persoas que tiñan pequenas xoias na súa colección de fanzines que mostran o eclecticismo e a gran variedade que había nesta época que investiguei eu.

Cada un destes fanzines abranguía un abano de temas, aínda que había tres que salientaban por enriba dos demais: a cuestión política, encarnada por pequenos grupos e rapazada que simpatizaba coa esquerda extraparlamentaria; a música, sobre todo hardcore e punk; e a consolidación dos movementos antimilitarista e ambientalista, así como das conversas sobre a problemática laboral, a falta de oportunidades e a necesidade de marchar da xente nova. Foron fanzines moi combativos coa política oficial que se daba no momento.

—Como ve o panorama actual do fanzine na Galiza?
Está moi influído polas redes sociais e por internet, en xeral. Hai moitas persoas que crean o seu fanzine en papel e o pasan a un formato PDF para poder subilo a redes. Hoxe en día o que percibo é unha falta de eclecticismo, como si se vía nos anos 90.

Estes recollían de todo: protesta social, feminismo, recoñecemento do colectivo Lgbtiqa+, mais non estaban especializados nunha temática en concreto. Nestes momentos estas temáticas aparecen en compartimentos, de maneira que si existe esta especialización. Tamén creo que o fanzine na Galiza ten un futuro completamente aberto, non hai ningún tipo de dificultade ou obstáculo que impida a súa creación no soporte clásico de papel.

Comentarios