'Luísa Villalta: a rebelión da palabra', a webserie da RAG sobre a protagonista do Día das Letras que xa podes ver

O documental, dirixido por Damián Varela Pastrana, consta de seis episodios nos que máis dunha vintena de voces "trazan un retrato coral sobre a poeta, narradora, ensaísta e articulista coruñesa".
A escritora Luísa Villalta. (Foto: RAG).
photo_camera A escritora Luísa Villalta. (Foto: RAG).

A Real Academia Galega estrea esta cuarta feria una serie web sobre Luísa Villalta, galardoada este ano polo Día das Letras. Luísa Villalta: a rebelión da palabra é un "retrato coral" co que se pretende reivindicar a figura da autora e xa pode verse, desde as 10 horas, na canle de YouTube da RAG e en academia.gal.

O documental, dirixido por Damián Varela Pastrana, consta de seis episodios nos que máis dunha vintena de voces "trazan un retrato coral sobre a poeta, narradora, ensaísta e articulista coruñesa". Unha creadora que, coinciden os entrevistados, cultivou a escoita para entender o mundo e concibiu a literatura como unha forma de transformalo a través da emoción.

"A literatura sempre é unha actitude política porque sempre é comunicación. E como sempre é comunicación, quere, desexa conmover, e todo o que conmove transforma", expresa a propia Villalta nun dos materiais de arquivo que a CRTVG que incorpora a produción.

A Academia volveu a confiar en Miramemira —produtora de O que arde e de O Corno— para a realización deste documental. Trátase da cuarta serie das Letras Galegas da RAG—a primeira foi a do ano de Xela Arias— "e seguramente a produción máis ambiciosa, cun marcado ton autoral e artístico, moi acorde coa figura da homenaxeada", valorou o presidente da RAG, Víctor Freixanes.

Ademais dos testemuños e a narración —con guión de Alba Álvarez López—, a serie compleméntase coas contribucións artísticas doutros profesionais do ámbito da poesía, a música e as artes escénicas, como recitados, música, danza e mesmo unha adaptación dunha das obras teatrais da escritora, Os doces anos da guerra (2001).

O proxecto levouse a cabo co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta da Galiza e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. A produción fórmana case dúas horas de cinema documental que arrincan coa irmá de Villalta, Susana, e a súa nai, María Gómez, e que continúan coas voces de amizades como Pilar Pallarés, Eva Veiga, Xurxo Souto, Miguel Anxo Fernán-Vello ou as académicas Ana Romaní e Margarita Ledo Andión.

No último episodio participa Maribel Longueira, a fotógrafa coa que Villalta concibiu o poemario Papagaio (2006), unha denuncia da explotación sexual das mulleres e da especulación urbanística ao redor do barrio coruñés homónimo. "Luísa anticípase aquí a unha poesía que se vai a facer despois, dentro do movemento feminista, e móstralle ao público unha realidade oculta", defende Francisco Fernández Naval, autor do prólogo deste volume.

Comentarios