Queres ler Platón en galego?

En Twitter tamén se pode ter información sobre bibliografía de filosofía en galego. Unha conta deixanos cada día nesta rede social unha recomendación. 
A conta de Twitter "Filosofía en galego" (Nós Diario)
photo_camera A conta de Twitter "Filosofía en galego" (Nós Diario)

"Ola Mundo! Vou tratar de axudarvos a saber todo o que se pode ler de filosofía en galego. Cada día (se non hai nada de novo) vou compartir unha publicación diferente. Vou ir por orde alfabética e coido que non tardarei menos de dous anos e pico... Gozádeo!".

Con esta mensaxe comezaba a súa andaina o pasado 19 de agosto a conta de Twitter "Filosofía en galego", unha aventura coa que Lois Rodríguez, profesor de filosofía en secundaria, busca visibilizar o publicado desta disciplina en lingua galega.

"Nace coa intención de apoñer diante do prexuízo xeralizado de que non hai ciencia e filosofía en galego, un listado que visibilice que si hai pensamento en galego, e de que o uso da lingua galega no coñece fronteiras", explica este profesor a Nós Diario.

Mais, hai publicacións abondo na nosa lingua ou deberían incrementarse? Sobre este tema cre que "hai publicacións de todos os perfís filosóficos e doutrinais, mais evidentemente temos unha eiva importante na escasa tradución das obras cumio da cultura occidental á nosa língua".

Un dos problemas, se cadra, sería a especialización. "A tradución filosófica presenta o problema engadido de requerir unha dobre capacitación do traductor, tanto do idioma de orixe coma do corpus filosófico da obra que se quere traducir. Así que non é sinxelo, máis cando posibelmente non sexa rendíbel para a industria editorial".

Non todos os problemas veñen do mundo académico

As biliografías que se recomendan no ensino secundario nas universidades ten algo de relación coa situación? Para Lois Rodríguez "recomendar bibliografía en galego evidentemente daría un pulo á nosa lingua en todos os ámbitos, mais non todos os problemas se arranxan no mundo académico".

Neste caso pensa que "as decisións persoais e a maneira de cada quen de definir o seu propio modelo de formación é o verdadeiramente transformador. A responsabilidade é de todos". 

Comentarios