Pensar en común

O algoritmo da liberdade aparente: unha volta polo Festival de Filosofía

O primeiro Festival de Filosofía que decorre na Galiza, da man do Consello da Cultura Galega, puxo en cuestión a liberdade na sociedade actual. As series, Tinder ou o fútbol centraron os focos dun debate dirixido a enganchar a cidadanía con temas de plena actualidade, que reivindica a necesidade de pensar en colectivo. 
Valérie Tasso (esquerda), Inma López Silva (centro) e Francisco Castro (dereita) no Festival de Filosofía.
photo_camera Valérie Tasso (esquerda), Inma López Silva (centro) e Francisco Castro (dereita) no Festival de Filosofía.

Nós Diario achegouse esta fin de semana a un evento moi especial: o primeiro Festival de Filosofía que se realiza na Galiza, unha cita coa que o Consello da Cultura Galega pretende desenclaustrar a disciplina dos seus espazos habituais e achegala á cidadanía, tal e como explicaba en entrevista con esta cabeceira a súa coordinadora, Carme Adán.

Aínda que a idea era levar as conversas a rúas e bares, a Covid-19 condicionou o desenvolvemento na sede da entidade, para poder retransmitir en directo a actividade e suplir así o contado número de vagas presenciais dispoñíbeis.

Libres, en serio??? pon en cuestión, con tres interrogantes nada menos, a autonomía nunha sociedade tremendamente condicionada polas industrias do entretemento, na que baixo a aparencia de maior diversidade se agochan outras formas de control con moito peso das tecnoloxías. Así, as referencias ao algoritmo volvéronse recorrentes ao longo das intervencións.

Pan e circo?

Serviu de pregón e deu inicio a este singular formato o diálogo entre Sonia Méndez (actriz, directora e produtora) e Pepe Coira (guionista e produtor) arredor do tópico Series: Pan e circo. Este destacou a liberdade desde o punto de vista creativo que a entrada das plataformas supuxo.

"Como espectadora preocúpame. Pensamos que somos libres decidindo o que vemos, pero os contidos que consumimos están completamente dirixidos", di Sonia Méndez

Méndez, pola súa banda, trasladou o debate á perspectiva do público: "Como espectadora preocúpame. Pensamos que somos libres decidindo o que vemos, pero os contidos que consumimos están completamente dirixidos". Así, aludiu ao inmenso catálogo de Netflix ou HBO como unha oferta na que a posibilidade de escolla é só aparente.

Igualmente, Coira destacou a necesidade de non esquecer nin renunciar a outros modelos máis antigos, como o da televisión pública, que estarían chamados a xogar un papel relevante que non tende a contemplarse.

O todopoderoso algoritmo

O algoritmo tamén estivo presente en Tinder, poliamor e outras formas de amar, título para a sesión na que conversaron, moderados por Inma López Silva, a escritora e sexóloga Valérie Tasso -autora de Diario dunha nifómana- e Francisco Castro, escritor e director de Galaxia.

As reflexións comezaron achegándose á relación do amor coa ética, que para a francesa "son sinónimos". Daquela... por que as convencións da experiencia amorosa están tan pouco cargadas da cuestión ética? Tasso aludiu a que non somos capaces de conxugar a tensión entre a liberdade do exercicio do amor e a consideración do outro.

Castro, pola súa banda, reivindicou o amor como "forza liberadora", tamén no presente e reclamou precisamente o seu poder revulsivo nunha época na que non se ten en consideración: "Levar unha relación que saia da norma é un acto político". Neste senso, trouxo da literatura, como non, o exemplo de Winston Smith (1984, George Orwell) e a disidencia sentimental nun mundo baixo a ollada do Grande Irmán (sóanos de algo o control a través dos datos?).

O algoritmo creado polas apps de citas (López descubriunos mesmo unha específica para aeroportos) crea unha burbulla na que os seres humanos aparecen transformados en mercadorías, no escaparate dixital do deslizar a un lado. "Téndoo todo, caemos na ausencia absoluta de valor, por mor da mercantilización", argumentou Tasso. O amor preséntase así como escusa para xustificar o acto sexual, un argumento que no caso da muller adoita exixirse.

"Téndoo todo, caemos na ausencia absoluta de valor, por mor da mercantilización", argumentou Tasso. O amor preséntase así como escusa para xustificar o acto sexual, un argumento que no caso da muller adoita exixirse

Elas aparecen hoxe como "nicho de mercado", co risco de "caer no imperativo de gozo ou na hipersexualización" nunha construción do feminino que procura remedar o masculino. "De que serve intercambiar os roles se seguimos tendo verdugos e vítimas?", pregúntase Tasso.

Tamén o fútbol

Sobre o tema do entretemento volveu, a modo de feche, a conversa entre a xornalista Lucía Taboada e o columnista Rafa Cabeleira: Fútbol ou barbarie.

Alén da espectacularización, non intrínseca no deporte, un dos puntos máis interesantes tivo a ver coa ausencia de liberdade sexual, con acordo das dialogantes: falta por ver o primeiro futbolista de elite que "saia do armario en activo".

Comentarios