Publican un libro-disco para amosar "un patrimonio que non entende de raias"
"A ninguén se lle escapa que temos un patrimonio ancestral que non entende de raias pintadas no mapa". Tanto é así que as palabras da presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, valeron para a posta de largo do libro-disco Meniños Cantores 2, unha proposta cultural que nace de fornecer ás crianzas de dezasete centros educativos da zona transfronteiriza as ferramentas para coñecer e presumir da súa herdanza. Esta proposta literaria e musical destaca, ademais, por ser só unha das patas dun proxecto máis amplo que abrangue a produción dun documental, a creación dun espazo web e a procura e recollida do léxico propio da raia para que este non acabe esquecido.
O Consello da Cultura Galega, Ponte... nas ondas!, a CRTVG e o Xacobeo están detrás desta obra que recupera parte do patrimonio oral da raia, desa fronteira ás veces case inexistente entre a Galiza e Portugal.
No entanto, Meniños Cantores 2 tamén recolle o esforzo de alumnas e alumnos, e equipo docente, de 17 colexios das dúas beiras do Miño que foron amadriñados ou apadriñados por artistas para amosar á sociedade ese patrimonio inmaterial.
Na presentación deste novo froito da iniciativa, que naceu hai máis de 16 anos, Álvarez explicou que a achega quere "axudar a construír na identidade común que outros proxectos contribuíron a desdebuxar".
Precisamente, o primeiro volume do libro-disco saíu do prelo hai xa 16 anos auspiciado pola asociación cultural e pedagóxica Ponte... nas Ondas! e o que se procura agora é recuperar a esencia daquel xerme de representación transfronteiriza para "pór en valor a vizosa" herdanza oral partillada polos dous territorios que acompañan o Miño.
Respecto da orixe, mudan os colexios e foron as estudantes as que escolleron a súa representación artística, na que están Pancho Álvarez (Tui); A Roda (As Neves); Zaraida de Maskarpone (Verín); António Zambujo (Montealegre); Augusto Canário (Valença e Viana do Castelo), Sons do Minho (Monção) e Cuarteto Caramuxo (Salvaterra), entre outros.
A publicación, editada de forma colaborativa por Ponte... nas Ondas! e o CCG, inclúe ilustracións de Andrés Meixide.
Así mesmo, recolle textos da escritora galega Rosa Aneiros, do autor luso Marco Neves e dos profesores Helena Pousa e Santiago Veloso. Tamén aparece unha descrición de cada centro e unha referencia ao patrimonio cultural do concello no que se atopa, do que se recollen expresións e léxico característico.