Formig4s, unha colección de aventuras para coñecer as cidades do mundo

Misión París e Misión Nova York son os dous primeiros títulos da colección Formmig4s (Xerais) de Pere Tobaruela e Andrés Meixide, as aventuras da brigada especial que nos levará por distintas cidades do mundo. 

Pere Tobaruela e Andrés Meixide
photo_camera Pere Tobaruela e Andrés Meixide

París e Nova York son as primeiras cidades que visitan a brigada formada por Formos4, Forx4n, Fornel4 e Form4il, catro personaxes que viaxarán por todo o mundo para botar luz sobre enigmáticos casos. Nacen do traballo conxunto do escritor Pere Tobaruela e o ilustrador Andrés Meixide que deron vida ás dúas primeiras fantásticas historias nos escenarios reais das dúas atraíntes cidades. 

“Os personaxes presentarán a xeografía e historia deses lugares nun sentido pedagóxico e divertido a través dunha aventura de investigación e acción na que ten tanto peso a palabra como a imaxe”, explica Pere Tobaruela, dos dous primeiros números aos que seguirá Barcelona. Desde a tipografía á imaxe, da historia ás personaxes a colección nace con vontade de ofrecer un produto novo, atraínte para as primeiras idades mais que quere  convidar a pegar neles a persoas de todas as xeracións. “Non sabería definilos. Son híbridos con vocación renovadora no mundo da edición, abrindo novos camiños. Trátase dunha viaxe metaliteraria, dicirlle aos rapaces, aquí estamos para conxugar todo”, afirma o escritor que defende tamén o papel do editor Manuel Bragado na xénese do proxecto. “Pódese dicir que foi a tres bandas. Súa foi a idea de iniciar unha colección con este perfil e a nós pareceunos unha iniciativa estupenda”, comenta coa seguridade de que no mundo editorial galego poden nacer proxectos novos non só para o noso mundo senón tamén con interese abondo para exportar a outras linguas. 

Imaxes con vida

Monumentos, cemiterios, prazas ou rúas das cidades compoñen as imaxes á maneira de guía trotamundos, para convidar a ir desde o propio coñecemento dos seus autores. Pere Tobaruela visitou París e Andrés Meixide coñece Nova York e as súas visións sobre as cidades transmítense a través dos dous volumes. “Pensamos en que cidades poden potencialmente resultar atraín tes e as dúas foron as primeiras escollidas para chamar a atención no lanzamento mais logo visitarán máis e, quen sabe, ao mellor tamén veñen a Galiza”, aventura Pere Tobaruela dunha colección que pensa en rapaces e rapazas de arredor de dez anos mais que confía manterse nas librarías, como un produto de interese fóra tamén do circuíto educativo. 

 “Teño intuición de que vai enganchar aos nenos e ten potencia para exportar e iso mostra tamén a altura do noso sector editorial"

A colección evoca aquelas vellas series de personaxes infantís que engaiolaban ás crianzas de maneira intensa nos anos setenta e oitenta. Como en Formig4s, as aventuras e a afectividade cos distintos personaxes eran o xeito de engaiolar na lectura. “Todo está inventado e trátase tamén de recuperar esa complicidade cos personaxes. Buscamos esa identificación, os Formig4s baten sempre contra o mesmo elemento e queremos que haxa tamén unha relación intensa con Paumao, o malo da serie”, di un dos autores, o creador da parte literaria da colección. 

“Intriga, misterio e realismo máxico son elementos dos libros. En París unha muller escapa dun cadro e en Nova York a estatua da Liberdade ten vida. Tentamos impactar e crear misterio e que nenos e nenas se sintan partícipes”, defende Pere Tobaruela para quen obriga dos autores é conseguir novos lectores e lectoras para o galego, conseguir que a atención repare nos novos libros. “Teño intuición de que vai enganchar aos nenos e ten potencia para exportar e iso mostra tamén a altura do noso sector editorial. Escribir en galego non é unha limitación senón pode dar moitas oportunidades”, afirma este escritor catalán-galego que opta con convencemento por escribir na nosa lingua. 

“Pretendiamos crear unha nova serie de novela de aventuras cuxos títulos contribuísen, ademais do engado da súa lectura e da súa achega á formación do lector literario, a fomentar o interese pola localización xeográfica e o coñecemento histórico”, comentou o editor Manuel Bragado no seu blog “Brétemas” xa cos dous primeiros libros na man que, segundo di, superan as súas expectativas iniciais. 

Comentarios