Documental de Xan Leira

O progreso que naceu do barro

O cineasta Xan Leira está rodando no Salnés un documental que promete varias sorpresas: desde a descrición detallada da importancia da industria da arxila e a cerámica no desenvolvemento do Salnés até a noticia dun naufraxio que, malia a traxedia que causou, segue a ser ignorado polas crónicas e os historiadores.
A telleira dos seixiños, na ría de Dena, dá fe do pasado ligado á arxila e á cerámica do Salnés. (Foto: Lameiro)
photo_camera A telleira dos seixiños, na ría de Dena, dá fe do pasado ligado á arxila e á cerámica do Salnés. (Foto: Lameiro)

Reconstruír os detalles dun accidente pode ser o comezo dunha narración que deriva cara á historia colectiva dunha comunidade. Ou polo menos algo así foi o que lle sucedeu ao cineasta Xan Leira cando comezou a pescudar nos detalles dun naufraxio do que apenas se fala e que marcou o inicio da película que está gravando na Arousa: en febreiro de 1940, na enseada de Dena (Sanxenxo), un grupo dunhas 50 persoas tomou un galeón para pasar o día e recoller algo de marisco na Arnosa. Xa chegando ao seu destino, unha galerna que entrara pola Lanzada alcanzou a embarcación, que afundiu deixando entre 24 e 27 persoas mortas, case todas mulleres e cativos. 

"Eu comecei este proxecto convocado pola noticia deste naufraxio", explica Leira en conversa con Nós Diario, "mais investigando sobre este suceso, resultoume moito máis contundente -máis alá da tremenda traxedia humana que supón o feito das mortes- o tema do traballo co barro e o relevo que tivo no desenvolvemento de toda a zona". 

A ribeira sur da ría de Arousa ten unha longa tradición de traballo co barro que se remonta até a romanización, e da que son testemuñas numerosas telleiras e fornos espallados pola zona, e xa presentes no célebre Catastro de Ensenada, realizado no século XVIII. Mais é a partir do século XIX cando esta actividade deixa unha pegada máis fonda na historia e na paisaxe do lugar. 

 "A boa calidade da arxila da zona e da cerámica que se produce con ela coñécese desde moi antigo", explica Leira. "Mais desde finais do século XIX, co desenvolvemento capitalista da produción de bens de insumo e da construción, a importancia desta industria recibe un impulso moi significativo que o converte nun factor de desenvolvemento moi notábel".

As investigacións da altura comezan a descubrir que existen diferentes tipos de terra que se adecúan mellor a distintos produtos: tellas, sanitarios, porcelana... "E daquela é cando se incorpora o barro de Dena, que polas súas características xeolóxicas producía unha cerámica de excelente calidade, que foi impulsando o desenvolvemento dun comercio marítimo de materias primas ao longo da ría, e mesmo comeza a exportarse cara ao exterior, ao Mediterráneo", revela o director. 

A partir de aí, créanse unhas estruturas protoindustriais que redundan no desenvolvemento da zona, mais tamén onde mulleres e homes da comarca traballaban en condicións que hoxe consideraríamos infrahumanas, tanto na extracción da arxila como no seu transporte e transformación.

"Malia que as condicións de traballo daquelas fábricas, vistas cos ollos de hoxe, poden resultar moi lesivas, eran mellores que as que tiñan os artesáns que traballaban por libre", precisa Leira

Van aparecendo diferentes fábricas na zona do Ulla e na desembocadura do Umia, nas que buscaban traballo moitas familias telleiras cansadas das duras condicións do traballo no forno artesán. "Malia que as condicións de traballo daquelas fábricas, vistas cos ollos de hoxe, poden resultar moi lesivas, eran mellores que as que tiñan os artesáns que traballaban por libre. Ao pasar a ser obreiras asalariadas, o seu nivel de vida incrementábase e iso tamén ía creando cambios na mentalidade, nos hábitos de consumo e na propia fisionomía da zona, por mor das infraestruturas e servizos que aparecían de forma paralela as estruturas industriais". 

É de destacar que as novas construcións significan, en moitos casos, avances sobre o mar e outras alteracións da paisaxe, o que xerou algúns conflitos coa poboación que, na súa maioría, seguía a vivir da economía agrícola tradicional. 

"Hai situacións curiosas", comenta Leira. "Cando un terreo é empregado para minaría, a lei obriga a rexeneralo unha vez remata a concesión. Algúns propietarios non o fixeron e iso propiciou a aparición de pequenas lagoas que, dalgunha maneira, transformaron a paisaxe dunha forma máis natural". 

Historia oral

O documental, como todos os traballos de Leira, baséase principalmente nos testemuños das persoas coas que contacta, na memoria oral, “o que enriquece moito a historia coas súas vivencias e a súa experiencia. As persoas que traballaron nese desenvolvemento industrial do barro xa o traballaban desde moito antes nun plano máis artesanal e viviron esa xeración de riqueza e eses cambios nos hábitos sociais, que se foron dando no proceso". 

Pero ademais, Leira non quere esquecer aquel naufraxio que foi a orixe desta historia por contar. "Eu comprométome persoalmente coas xentes coas que traballo e quixera que, dalgún modo, este documental tamén sirva para honrar e homenaxear a todas as vítimas daquel naufraxio e, se é posíbel, institucionalizar a súa lembranza, que forma parte do patrimonio inmaterial de Sanxenxo".

Comentarios